"Ten ás súas costas varios séculos de vida e foi testigo de moitas historias, mais se non lle poñen remedio morrerá definitivamente". Quen así se expresa é o profesor Manuel Dobarro Fernández, dono do carballo centenario da Casa de Pita, na parroquia lalinense de Vilatuxe. O forte vento da pasada semana rachou un dos polóns principais da histórica árbore, que engade esta grave ferida á súa xa maltreita saúde. "Ningúen se preocupou da súa saúde", malia a estar "considerado un dos exemplares máis antigos", subliña Dobarro, docente no instituto de Vila de Cruces, que se fai eco da historia do coñecido como Carballo do Pazo:

"A finais do século XIX podouse por primeira vez, esto é o que din. A información que temos é a de Don Miguel Varela, que formaba parte do que hoxe se podería chamar a nobreza galega, figos dalgo, fillos de alguén importante. Don Miguel comentaba que se reuniran todos os veciños para a poda, e que houbo unha forte discusión, non querían podalo. Foi tal a cantidade de leña, que chegou para todos os da aldea. Esto é o que comenta o seu fillo adoptivo Carlos Agulló", resalta.

"A lenda máis importante, lenda ou historia, é que baixo as súas pólas, durante o riguroso calor do mes de agosto pagaban os foros ao mosteiro de Aciveiro, ou aos herdeiros rendistas. Cóntase que no seu oco habitaba unha moura encantada; contábame a min o Señor Marcelino, finado, que cando un amigo seu na guerra de Larache se atopou cun mouro díxolle que os seus antergos viviran no Castro de Vilatuxe, e faloulle do Carballo do Pazo; a nosa fantasía non ten límite", comenta Manuel Dobarro.

O propietario foi un crego da súa familia de nome Ramón Ramos Gómez, que llo legou a unha sobriña. Desta, Ramona Ramos, pasou ao seu afillado e actual propietario, xunto con moitas lendas en torno seu. "Cando berraba o moucho, a curuxa ou noitebra, alguén da aldea morría, era o preludio dunha morte anunciada. Dicían as mulleres, berrou a curuxa, a quen lle tocará? Estes paxaros, inocentes, foron o terror de nenos e grandes", lembra Dobarro, que evocaba "o Carballo do Pazo, a curuxa, a noitebra e o moucho" cando, por mor dos seus estudios de humanidades, lía Maese Pérez, el organista –una das lendas de Gustavo Adolfo Bécquer– entre os "lúgubres muros do Seminario de Lugo".