O Centro Galego de Santander concedeu no ano 2008 unha mención honorífica ao traballo de Ramón Sánchez Barcala titulado “Un mosteiro camiño de Compostela” adicado ao cenobio benedictino de Carboeiro. O galardón coincidiu coa celebración do Día das Letras Galegas e recoñece o esforzo do autor en col da recuperación dun lugar emblemático da comarca de Deza. Do seu labor como titor da escola-obradoiro que realizou a restauración do mosteiro pode vir o seu amor pola historia do mesmo.

-Cando poderemos adquirir esta obra sobre Carboeiro?

-Non sei. Estou agardando para poder publicalo, pero só teño 500 euros. Ao mellor en Nadal é posible facelo se poño o resto que falta do meu peto. Estaría ben poder vendelo a cinco euros, por exemplo, entre os amigos, porque penso que en Silleda pode ser moi ben recibido.

-Como xurdiu a idea de adicarlle una obra como esta ás ruinas do mosteiro máis coñecido da comarca?

-Carboeiro para min é algo moi especial. Como sabes, fun titor da escola-obradoiro que restaurou o edificio e tamén o seu fermoso contorno. Foron cinco anos inesquecibles que me gustaba deixar plasmados nunha obriña coma esta. O certo é que todos os que alí traballamos collémoslle moito cariño a aquelas pedras.

-Coida que Carboeiro debería estar máis potenciando do que está agora? Que se podería facer para convertelo nun referente artístico e turístico do centro de Galicia?

-O certo é que se poden facer moitas cousas, porque é un lugar moi agradecido para facer o que se queira. Cómpre crear un equipo de xestión de Carboeiro que podería ter un guía permanente no mosteiro, un historiador para traballar na recuperación dos datos do convento, e tamén un mestre para dar clases no centro sobre a cultura da época cando se fundou. Penso que tamén habería que buscar unha finalidad á cantidade de cartos que está previsto investir alí. Incluso se podería facer un pequeno albergue que seguro sería utilizado pola grande cantidade de peregrinos que pasan por aquí.

-Hai espazo para tantas actividades nas ruinas do cenobio?

-Seguro. Fan falla un museo do románico, unha aula da natureza e unha biblioteca que, penso, podería estar adicada ao románico con libros especializados. Tamén habería que meterlle auga e luz porque non ten, e é algo moi necesario para poder sacar adiante calquera actividade nun lugar tan fermoso coma Carboeiro.

-Que papel ten o seu libro nesa tarefa de potenciación de Carboeiro?

-É moi modesto. Só quixen facerlle unha pequena homenaxe a un lugar onde pasei moi bos momentos. Gustaríame que a xente que o merque saiba apreciar o cariño co que está feito e que aproveiten para ir por alí máis a miúdo, porque en Silleda hai xente que debería achegarse a Carboeiro para apreciar o que temos e poder defendelo polo valor que tén en realidade para todos nós.

-Sempre se dixo que valoramos máis o de fóra ca o que temos na casa. Pasa o mesmo con Carboeiro?

-É certo que moitas veces lle damos valor ao que visitamos por aí fora e ao que temos aquí pretiño da casa non tanto. Carboeiro pasou de ser un auténtico descoñecido a estar potenciado a todos os niveis. Os numerosos visitantes veraniegos que temos cada ano corroboran o feito de que Carboeiro é coñecido non só a nivel galego senón que tamén fóra de Galicia e incluso fóra de España. Penso que é algo xusto porque nos tempos que corren este tipo de sitios son moi apetecibles para calquera turista.

-Tamén influen feitos como a rodaxe da Televisión de Galicia que arrancou esta semana no lugar.

-Claro. Pero antes da televisión por aquí estivo Charlton Heston facendo un documental que tivo moita sona. A serie da TVG tamén pode facer moito pola difusión do mosteiro por toda Galicia. Outras das actividades que potencian o lugar son as audicións de música clásica moi aproveitables e que cada vez contan con máis xente. Outra iniciativa que vería ben é planificar visitas guiadas para nenos e escolares en xeral porque a xente nova debería coñecer o porqué dun convento neste lugar e na época histórica na que se levantou tan fermoso edificio.

-Que lle parece o premio concedido polo Centro Galego de Santander?

-É todo un orgullo porque non o agardaba para nada. Fíxome moita ilusión, pero foi unha mención honorífica dentro dun premio de relato curto que repartiu máis galardóns importantes có meu entre persoeiros da literatura galega.