"A caixa de música" é o título da obra representada onte en Lalín por Viravolta para un público tan especial como os alumnos dos distintos colexios do municipio. O espectáculo tivo lugar no Salón Teatro, no marco do programa "Títeres na escola".

Esta aventura titiriteira do lalinense Anxo García Fernández "Basterra" é un espectáculo visualmente atractivo, debido á iluminación e ás cores reflectantes na luz negra. A música en directo crea un universo único que atrapa aos espectadores e trasládaos ao mundo de Icía e Salterio. Estes son os protagonistas da historia, os que estragan a caixa de música do vello que toca na praza. Coa "gran axuda" duns habilidosos personaxes, Zaracruso e Alterego, os dous protagonistas intentarán arranxar a caixa recuperando os sons que escaparon dela.

Este espectáculo de títeres, manipulado por Pilar Álvarez, Xulio Balado e propio Anxo García, gozou do favor dos escolares presentes nos tres pases. Ten música de Ermitas García Ríos, interpretada por Beatriz Rodríguez (violín), Mariola Gil (clarinete) e J. Manuel Yáñez (piano).

A representación pon fin a unha fin de semana de representacións a cargo de Viravolta, que arrancara o venres en Santiago e seguira o domingo en Lalín, con dúas funcións a favor de Aspadeza, na que, a 2,5 euros a entrada, se recadaron 250 euros.