O escritor melidense con raíces en Agolada, Xosé Vázquez Pintor, lembraba onte que o 12 de abril de 1969, hai corenta anos, “veu dende Bos Aires á Pascua de Cercio o actor Fernando Iglesias, alias Tacholas, coa súa esposa Sabela”. O principal actor da compañía fundada por Varela Buxán en Arxentina sumábase así á festa que pola Semana Santa celebraba o dramaturgo na parroquia lalinense é á que tamén estaban invitados o propio Vázquez Pintor, Avelino Pousa Antelo ou David Otero.

Catro décadas despois e aproveitando que neste ano se conmemora o centenario do seu nacemento, un grupo de amigos entre os que ademais se atopaban Fernández Abella, Paco Lareo ou Mini e Mero -do grupo A Quenlla-, voltaron a Cercio, acompañados de lembranzas e de versos para o escritor e tamén practicante. Ao remate da liturxia e arroupado polos veciños de Cercio, Vázquez Pintor encetou un evento no que comezou gabando o legado literario de Varela Buxán e a presenza de Avelino Pousa Antelo, outro patriarca das letras que, con 94 anos e unha rosa na man, dixo do autor de Cercio que “é un amigo que sempre serviu á terra e á xente”. Na súa homenaxe, Pousa Antelo estivo secundado por un dos sobriños de Varela Buxán, Manuel, quen depositou outra rosa sobre a “cova” do matrimonio.

Nun discurso cheo de galeguismo pero deslucido polas bombas de palenque -a homenaxe non fora anunciada previamente á organización das festas-, as palabras de David Otero tamén lle pediron a Varela Buxán e á súa dona, Luisa, que seguisen presentes na memoria “para marcarnos o camiño na resistencia, construíndo o agardo nas esperanzas”. Otero rematou a súa intervención con un contundente “queremos proclamar que outra Galicia é posible, e tén que ser eterna a ledicia dos pobres traballadores, na patria liberada e popular”.

Desfile do Cocido

Prologou estas palabras unha coroa de loureiro ornada cunha bandeira galega, trenzada o domingo en Quián (Agolada) e que Otero e Vázquez Pintor depositaron sobre o panteón, pero que posteriormente sería colocada ante o busto do insigne escritor. Con este acto, dase por rematado o paquete de actividades de conmemoración do centenario, que xa comezara o pasado 2 de marzo cunha ofrenda floral por parte do concello lalinense e que tamén contou cunha exposición de obxectos persoais de Varela Buxán nos colexios do Foxo e Xesús Golmar. De igual modo, os veciños de Cercio xa lembraran ao escritor cunha recreación de varias obras teatrais nunha carroza que gañou o primeiro premio do desfile da Feira do Cocido, o pasado 15 de febreiro. Nela escenificábanse esceas de “Casados de pouco” ou “Taberna sen dono”, entre outras.