Os resultados das primeiras eleccións democráticas das corporacións locais, celebradas o 3 de abril de 1979, non supuxeron grandes cambios na comarca dezá. Agás en Lalín, onde irrumpía con forza un xoven de 29 anos de idade chamado Xosé Cuiña Crespo, e Agolada, onde era elixido Manuel Costa Casares, os vecinos do resto dos concellos decantábanse pola continuidade e refrendaban o labor dos derradeiros alcaldes do rexime franquista. Só dous daqueles primeiros seis rexedores da democracia seguen vivos a día de hoxe: Manuel Lamazares Pardo (Rodeiro) e Costa Casares.

A Candidatura Independente forxada por Cuiña -na que figuraba o aínda hoxe concelleiro Camilo González Bodaño- lograba once representantes e impoñíase con diferenza á lista de Coalición Democrática (CD), con Luis González Madriñán á cabeza e o alcalde saínte, Luis González Taboada, como número dous, que acadaba catro edís. Unidade Galega (UG) colleitaba tres representantes, entre eles o empresario Florentino Cacheda, o mesmo ca entón todopoderosa Unión de Centro Democrático (UCD), pola que eran elixidos os tamén empresarios Fidel Fernández Presas e Adolfo Campos Panadeiros, que, nas seguintes eleccións, conseguiría impoñerse na alcaldía de Dozón. O PSOE, hoxe segunda forza, non obtiña ningunha acta. Xosé Crespo Iglesias relevaría en 1990 a Cuiña como segundo alcalde da democracia en Lalín.

Nos outros cinco municipios, a UCD do presidente Adolfo Suárez obtiña o maior número de concelleiros, aínda que en Dozón a candidatura independente formaba maioría de goberno. En Silleda, a UCD acadaba nove actas, por catro de CD, tres de UG e unha do PSOE, resultados que mantiñan na alcaldía a Casimiro Fernández Otero. Cómpre sinalar a presenza como cabeza de lista de CD de Fernando Garrido Valenzuela, que anos despois sería conselleiro de Agricultura. Juan Salgueiro Montouto (1987-99), José Fernández Viéitez (1999-07) e Paula Fernández Pena son os outros rexedores destas tres décadas.

En Vila de Cruces, a UCD obtiña en 1979 trece escanos e refrendaba na alcaldía a Sergio Iglesias Pazos. O PSOE, con dous, colocábase como segunda forza por primeira vez nun concello dezao. Un edil de Coalición Democrática e outro independente completaban a primeira corporación. Tras o falecemento de Iglesias en 1991, asumiría a alcaldía o actual rexedor, Jesús Otero Varela.

Manuel Lamazares governou a primeira corporación democrática de Rodeiro ao sumar oito concelleiros con UCD, polos cinco de UG. Sucederíao, xa no PP, Eliseo Diéguez (1995-2007) e a éste o independente Manuel Salgado González, que ten un pacto cos socialistas para cederlle o poder a Xosé Vence Deza no vindeiro mes de xuño.

A primeira cita coas urnas en Agolada outorgáballe seis edís a Alianza Popular, cinco a UCD, un a UG e outro ao PSOE. Estes dous últimos pactaron con UCD e permitiron gobernar a Manuel Costa Casares. Sería relevado polo seu xenro, Ramiro Varela Peón -actual rexedor-, en 2006.

Por último, en Dozón a democracia renovou a Manuel Crespo Vázquez; a súa lista independente obtivo sete concelleiros, polos catro de UCD. O relevo chegaría en 1987 da man de Adolfo Campos, que xa concurrira no 83 polo Partido Galeguisa.