O vindeiro luns, día 6, Xosé Vence cesará como presidente da cooperativa O Rodo, da que está á fronte desde setembro de 1988, e incluso antes, cando a cooperativa era a asociación A Camba, posta en marcha por un cento de socios. Hoxe, o Rodo conta con 353 membros e integra no seu seo a Carboar, outra cooperativa de Carboentes. A decisión de Vence débese a que en xuño accederá á Alcaldía, “e non penso que sexan compatibles os dous cargos”, engade. A única candidatura para relevalo no cargo está encabezada por José Luis Camiñas,

- Seguen sendo os problemas gandeiros de hoxe os mesmos que os de hai dúas décadas?

- Podemos dicir que a gran dificultade para o gandeiro foron, sempre, os prezos, e iso que na temporada entre 1989 e 1991 se rexistraron uns pagos moi bos, similares aos do ano pasado, e que precisamente foron os que nos permitiron levantar a nave. Sen embargo, neses primeiros anos da cooperativa houbo, sobre todo, problemas coa distribución derivados da posta en marcha da cota láctea, xa que moitas empresas tiveron que reducir o volume de recollida. Hoxe a cuestións máis espinosa é a dos os prezos, porque a industria non quere fixar un valor en orixe e porque o dumping francés desestabiliza o mercado. Tamén é certo que as necesidades dos membros da cooperativa cambian cos tempos, pois na década dos 90 o uso da maquinaria non era un tema a solucionar, e hoxe é un dos principais servizos que demandan os socios, xa que adquirir un picador ou un cargador non é rentable se o vai usar unha soa explotación. Ademais de dispoñer desta maquinaria na cooperativa, ésta tamén se fai cargo dos gastos derivados do taller. De feito, en 2008 rexistramos perdas pero foi polos investimentos que se fixeron no parque de maquinaria, e que supuxeron adicar todos os aforros da entidade. Pero quero recalcar que o feito de dispoñer deste parque desde 1994 implica un aforro considerable para os socios do Rodo.

- Baixo o seu mandato construiuse a nave e ampliouse a rede de servizos aos socios. Que queda por facer?

- O meu proxecto aínda non realizado é unha industria de transformación. Hai tempo, desde O Rodo barallouse a posibilidade de montar un grupo lácteo, pero iso supón un investimento económico moi forte. De feito, tamén se plantexou no seo de Xuncoga, na que tamén se integra o Rodo, pero considero que non ten a suficiente capacidade para poñer isto en marcha. De calquera xeito, gustaríame que O Rodo formase parte dese grupo leiteiro se algunha vez sae adiante.

- A agricultura e a gandería resisten mellor que outros sectores a crise actual?

- A mala etapa pola que pasa o sector gandeiro creo que, máis que deberse á crise, está relacionado coa polémica de prezos e a actitude da distribución, que non apoia aos gandeiros e permite que o mercado nacional esté invadido de forma desleal por outros productos. Penso que a Xunta, tanto a saínte como a entrante, si tén moito que decidir neste asunto, posto que Galicia é a comunidade de maior producción leiteira e tamén con maior número de gandeiros a nivel estatal.

- Rodeiro seguirá sendo un referente do sector, xa que foi berce da loita sindicalista?

- Penso que este municipio, a nivel provincial, tén aínda un peso moi importante no sector vacún e medrará de xeito considerable na producción porcina e cunícola. Temos que pensar que a tramitación do PXOM, recén aprobado pola Xunta, freou a construcción ou a reforma de moitas granxas dedicadas a estos dous tipos de carne, como foi o caso de Cogal e doutras iniciativas particulares, que corrían incluso o risco de perder axudas autonómicas para realizar esas obras.

- En xuño vostede accederá á Alcaldía de Rodeiro. Que proxectos tén pendentes para eses dous anos de mandato?

- Pois teremos que ver qué cuestións están aínda sen acometer no momento en que acceda ao cargo. De momento, só podo dicir que afronto esa etapa con moita ilusión e, por iso, precisarei moito tempo para desenvolver o cargo, e de aí que cese na presidencia de O Rodo.