31 de julio de 2008
31.07.2008

Unha consellería sen présa

31.07.2008 | 02:00
Manuel Vázquez na súa visita a Lalín en agosto de 2006. / BERNABÉ

A tardanza en resolver expedientes desespera a concellos, que lembran promesas incumpridas, e mesmo a outros departamentos autonómicos

Aquilo de que a burocracia é lenta demostráse case a diario acudindo a case que calquera administración pública. O aforismo acáelle ben á Consellería de Medio Ambiente, que desespera a concellos e mesmo a outros departamentos do goberno galego con trámites, por outra banda, imprescindibles para garantir o respecto á natureza. Tampouco son de esquecer as actuacións comprometidas por esta consellería que, a piques de terminar a lexislatura autonómica, seguen a durmir o sono dos xustos.
Dous casos recentes de ralentizacións achacables, cando menos en parte, ao departamento que dirixe o socialista Manuel Pachi Vázquez son a cuarta fase do polígono Lalín 2000 ou a parcelaria de Vilatuxe. Neste último caso, a torpeza inicial fora da Consellería do Medio Rural, por empezar as obras sen ter o visto e prace do departamento medioambiental. Non obstante, agora a obra está pendente de que Medio Ambiente informe acerca do estudo de impacto ambiental remitido pola outra consellería, que xa reduciu o perímetro da concentración e deixou fóra a área forestal da Rede Natura 2000. Neste espazo protexido só se incluirán as terras que xa viñan sendo de labranza. Medio Ambiente responde que a responsabilidade da paralización das obras é da consellería que dirixe Alfredo Suárez Canal e que, por tanto, só a ela lle compete a decisión de retomar os traballos. Pero Desde Medio Rural afirman que están á espera do informe de Medio Ambiente.
En canto a Lalín 2000, o concello agarda con impaciencia o informe sobre a memoria ambiental, que lle foi remitido á consellería en maio pasado. Malia á reiteración feita o 26 de xuño e mesmo ás preguntas desta Redacción, non hai resposta nin sobre o estado da tramitación nin sobre se se agotará o prazo estipulado de tres meses para a emisión da memoria. Non sería a primeira vez. Xa pasou co informe de sustentabilidade ambiental, que chegou a Lalín case dous meses fóra de prazo. Desde o concello felicítanse pola axilización dos trámites de construcción da cuarta fase por parte de Vivenda e Solo, pero temen que unha actuación menos dilixente por parte de Medio Ambiente retrase a creación dun solo industrial agotado hai tempo.
Pero en Lalín, o concello con máis peso da comarca e feudo tradicional do Partido Popular, xa son moitos os roces co departamento de Pachi Vázquez nos últimos tres anos. E iso que as cousas non puideran empezar mellor. O 9 de agosto cumpriranse dous anos dunha visita do conselleiro, que daquela fora calificada polo rexedor local, Xosé Crespo, como "a máis produtiva das que levan feito a Lalín membros do goberno bipartito".
E é que o alcalde ficaba sorprendido pola receptividade do que fora o seu homólogo do Carballiño, que prometera 600.000 euros en obras de abastecementos de auga, un verteiro de residuos inertes na zona da Abeleda e mesmo solucionar o problema da expropiación da Carballeira da Crespa, se ben este último conflicto era herdanza da Xunta do PP. Ao final, as negociacións cos propietarios non chegaron a bo porto e a paraxe terá que ser restituída aos seus donos. Daquela visita, só se concretaron o suministro ás parroquias de Cello, Palio e Rodís e a separación de augas pluviais e fecais da rúa Wenceslao Calvo Garra. Bótase en falta o novo depósito de abastecemento, a emprazar en Lalín de Arriba, con capacidade para 1.500 m3 e uns 400.000 euros de orzamento. Tamén se agarda, dous anos despois, a construcción do vertedeiro da Abeleda.
Cruces e Rodeiro
Pero non se trata dun problema exclusivo de Lalín. Sirva como exemplo un caso do municipio veciño de Vila de Cruces: O saneamento integral da parroquia de Camanzo, que Vázquez se comprometera a sacar adiante neste ano, lembra un alcalde sen moitas esperanzas de que así vaia ser. En Rodeiro seguen a agardar pola tamén prometida depuradora e a clausura de vertedeiros incontrolados ou pola posta en marcha da Ruta dos Muiños.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook