29 de julio de 2008
29.07.2008
40 Años

Un maratón para unha entrega eficaz

29.07.2008 | 02:00
Rafael Iglesias repartindo a correspondencia nunha aldea do rural. / BERNABÉ/JAVIER LALÍN

Coñecer a zona e aos veciños é clave para un reparto postal de longo recorrido cheo de pequenos atrancos

Son as 8.15 da mañá e comeza o traballo dun carteiro rural. Primeira parada, a oficina de Correos, é o momento de preparar a clasificación da correspondencia que se repartirá durante a xornada, ata as 15.15 horas.
A delegación en Lalín componse de 7 carteiros urbanos e 12 rurais. Entre estes últimos, atopamos ao encargado da circular 5, Rafael Iglesias, cunha experiencia profesional de 21 anos nos que pasou por diferentes cidades, pois traballou en Pontevedra, Pamplona ou Marín, ata que no 94 retornou ás súas raíces e comezou como carteiro do casco urbano en Lalín. Dende hai aproximadamente seis anos, centra o seu traballo no reparto no rural.
Xa se acercan as nove da mañá e toca a hora de coller o coche e comezar a distribuír a correspondencia polas aldeas. Como comenta o propio Rafa Iglesias, "o problema do reparto común é a dispersión poboacional e o envellecemento da xente do rural galego", xa que "un percorrido que noutras zonas de España estaría moi centralizado, aquí, en Galiza, implica desprazarse en vehículo casa por casa, polo illamento que existe dunhas a outras".
O punto de partida da circular 5 é a Fonte de Lalín de Arriba, cubrindo o corredor que vai de Lalín ata Rodeiro. A primeira parada é Alfonselle: Percorrer o lugar entregando as cartas de cada casa,non implica moito problema, pois estamos próximos ó casco urbano e non se presentan demasiadas dificultades de acceso. Seguimos o percorrido ata chegar ao Sisto, e aí empezan os obstáculos, trátase dun lugar repleto de explotacións gandeiras. E como bo rural galego, o gando invade a vía cando se traslada das explotacións ata os terreos destinados a pasto. Como enfrontarse a rebaños de ducias de vacas en pistas polas que case non poden circular dous coches? A resposta é simple, apandar co que hai e agardar pacientemente no coche, Rafa xa non é un novato, e a experiencia é un grao. Recórdanos algún incidente no que o seu vehículo pagou as consecuenciasdos danos probocados por algunhas reses.
Estamos próximos a zona de Rodeiro, e a faceta política do noso carteiro pasa factura, pois a súa vinculación ao BNG levouno nalgunha ocasión a unha doble tarea: A entrega da correspondencia e a recollida de queixas por parte dos veciños. As numerosas explotacións implican que moitos dos veciños non se atopen na casa, un problema se se prescisa entregar correo certificado. A solución vén dada pola antigüidade na ruta, xa que despois dalguns anos, acabas coñecendo a vecindade, e Rafa xa sabe que plantas gandeiras pertencen a cada quen. Claro está, en moitas ocasións a xente está a traballar no campo e aí axuda coñecer os horarios que seguen para poder atopalos na casa, e senón, malo será que non te cruces con algunha maquinaria conducida por quen buscas.
O illamento e as grandes estensións de terreo impiden que á bocina ou ao berro de "carteiro!" saian a recibir a correspondencia, por iso, sempre se buscan pequenos trucos, e para onde non chega o vehículo... está o silbato, un pitido e asunto resolto.
Nalgunhas ocasións o problema está neses grandes amigos do home, os cans. Da igual o tamaño ou a raza, se non coñecen ao invasor é posible que den algún susto. Un coche raiado é un bo sinal de que a confianza dos animais haina que gañar tras moitas visitas diarias.
Mentres salva os obstáculos na ruta, Rafa confirma que o rural do Deza "é bastante atípico, xa que as grandes explotacións da zona aguantan o paso do tempo, contando con ao menos unha xeración que continúe adiante coa producción". O normal é trazar unha fronteira polo eixe atlántico xa que o rural da costa é moito máis dinámico. Sen embargo, dentro do rural do interior, a comarca dezá mostra moita máis vida, pois noutros lugares está moito máis despoboado e a distribución de habitantes pode chegar a ter distancias quilométricas.
En moitos dos lugares visitados a figura do carteiro ten unha labor case social, pois é unha cara coñecida que visita todos os días a xente que en moitas ocasións vive completamente soa. Mentres imos descubrindo estas pequenas anécdotas xa pasamos Reboredo, Requeixo e Quella. Unha vez máis toca dar volta atrás, non se pode saír doutro xeito. Algunhas casas están completamente valeiras durante a semana, pois os donos trasládanse por traballo ata Lalín ou Rodeiro, e a maioría da súa correspondencia téñena nas vivendas do casco urbano. Por iso, "axuda moito coñecer a xente, xa que te avisa de quen vive alí ou onde se poden atopar", comenta Rafa Iglesias.
No rural a confianza demostrase cada día, pois nalgunhas casas incluso se deixan as chaves no buzón ou se deixa aberto para que cando estea pechado saiban que hai correspondencia.
Aínda que semella que o tempo non pasou nestas zonas, o carteiro que nos acompaña incide en que "se nos remontamos dez anos atrás, a situación era moi distinta. A mensaxería levábase nunha saca e sen ningún tipo de clasificación". Hoxe en día no caso de cartas certificadas son precisos trámites burocráticos, como nome, apelidos, firma e DNI. Isto resulta dificultoso para a xente de maior idade, polo que é o propio carteiro quen os axuda para cumplimentar os datos, o que repercute no reparto, xa que se perde algún tempo. Está previsto que para finais do vindeiro ano, este sistema se cambie por unha PDA que automatiza a rúbrica, facilitando así o reparto.
Unha das queixas é o custo físico deste traballo, xa que a condución continuada e o subir e baixar constantemente do vehículo, en moitas ocasións cargando paquetes, chega a ocasionar problemas de lumbalxia ou hérneas, tal e como comenta Rafa Iglesias. "Sen embargo, a vida no rural supón un contacto directo co público que te fai sentir útil. Ademais non resulta tan estresante coma na urbe". Seguimos o traxecto e xa pasamos Alemparte, Alvarellos e chegamos a Catasós.
Situación laboral
As reivindicacións deste delegado sindical da Confederación Intersindical Galega en Correos céntranse na demanda de maior cuota para cubrir a quilometraxe da ruta, pois "os carteiros rurais temos que desprazarnos no vehículo da nosa propiedade e con todos os obstáculos que debemos solventar, e cos prezos dos carburantes, os 0,225 euros que pagan por quilómetro, non chega a cubrir". Continúa Rafa explicando que "dende o 2006 subiron un 4% por indemnización cando a na realidade as cifras confirman que debería ser dun 40%". No seu caso ten que percorrer uns 70 quilómetros que debe economizar coñecendo ben as rutas, pois "eses cartos saen do meu soldo".
Outra esixencia é o tipo de contratación, pois segundo afirma este carteiro, "existe unha gran precarización do emprego neste sector". No panorama galego, os carteiros supoñen 4.400 persoas distribuidas por igual entre funcionarios e laborais. No que respecta aos de ámbito rural, na coñecida como zona 1, que responde a comunidade galega, son un total de 1.286 repartidores que en comparación co resto de España supoñen sobre o 30%.
Xa son preto das tres da tarde, regresamos a Lalín. Remata unha rápida xornada de sete horas.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Calendario laboral y escolar 2018/2019

Calendario laboral 2018 en Galicia

Calendario Laboral 2018 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2018/2019 .

 

 

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia