Candela Chedas / A ESTRADA

O xurado do XX Premio de Novela "Manuel García Barros" decidiu onte que o ferrolá Xesús Constela Doce fose o autor premiado nesta edición convocada polo Concello de A Estrada contando coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta, a Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia. O escritor impúxose entre os 20 orixinais presentados coa novela Shakespeare destilado, que presentou baixo o lema "Á espera do lusco e fusco". O gañador recibirá 9.000 euros e a publicación da súa obra.

O xurado composto por Armando Requeixo, Xosé Manuel Eiré, Luis Alonso, Xosé Carlos Agostiño e Valentín García acordou por maioria concederlle o XX Premio de Novela Manuel García Barros por tratarse dun monólogo narrativo escrito cunha linguaxe coloquial que utiliza recursos rítmicos como a repetición con fins paródicos. A obra emprega a metaliteratura facendo referencias á xenial figura de Shakespeare que non só dá título á obra se non que inspira un dos personaxes da mesma.

O pasado ano, o galardón recaeu no vigués Francisco Castro Veloso.