16 de junio de 2008
16.06.2008

A escola, faro que impide tropezar ós pobos

16.06.2008 | 02:00
Pais e alumnos do colexio do Foxo, veciños da zona e políticos locais déronse cita onte na XII Festa dos Pereiriños, en Curantes. / BERNABÉ / PATRICIA F.

O colexio do Foxo enche de poesía a carballeira de Pousada en prol da cultura e do idioma.

Silvia Pampín / A ESTRADA
Baixo a máxima "o mellor faro para impedir que os pobos tropecen é unha escola" de Varela Buxán e o recordo do lema "a cultura é unha cousa que abre os ollos" de Castelao, a carballeira de Pousada -na parroquia estradense de Curantes- encheuse onte de poesía e de reivindicación da cultura e do idioma en prol da patria e do futuro. A Festa dos Pereiriños cumpría o seu duodécimo aniversario e facíao voltando ás súas orixes: á escola como pedra angular na construción do futuro dos pobos. O colexio do Foxo tomaba o testigo da recuperación da romería de exaltación da educación que rescataron do esquecemento Marisé García e Olimpio Arca.
Entre os carballos volveu alentar o espírito dos xenerosos emigrantes de Pardemarín, Lamas, Rubín, Curantes e Olives que a primeiros do século XX enviaban parte dos seus salarios á terra que os vira nacer para construir as escolas das súas parroquias, animados polo revolucionario pensamento do progreso ó que levan o coñecemento e a cultura: "que ninguén se ría dos que veñan detrás de nós".
A primeira hora da mañán as bombas de palenque anunciaban a festa, que se abriu coa actuación da Agrupación Folclórica Abrente e os xogos tradicionais organizados pola ANPA Alecrín co CEIP do Foxo. O pregón a cargo do escritor Xosé Vázquez Pintor centrouse no maletín da súa infancia que cedeu ó colexio recentemente, no libro de Olimpio Arca Caldas sobre o "Certame Escolar dos Pereiriños" a través do que coñeceu a festa, na relación de compromiso coa cultura e de amizade entre Varela Buxán e Castelao (baixo as máximas xa explicitadas) e na reivindicación da pervivencia da festa, un "orgullo" polo que supón de recuperación histórica.
Trala presentación de "Tilirín e as construcións galegas de Héitor Picallo" e as verbas do mestre e escritor do Foxo Xosé Luna desexando un futuro de "luz, paz, xustiza" e "dignidade" chegou a hora dos recoñecementos. O delegado provincial do Medio Rural, o estradense Gonzalo Constenla, fíxolle entrega dun agasallo ó seu homólogo de Educación, o dezano Cristóbal Fernández. A directora do CEIP do Foxo, Rosa María Ferreira deulle ó pregoeiro Xosé Vázquez Pintor un belísimo escudo do Concello da Estrada enriquecido coa máxima de Varela Buxán sobre a escola como "mellor faro" dos pobos. A muller que recuperou a festa, Marisé García, agasallou a Héitor Picallo; a mestra Mónica Diz, ó patrocinador da colección Tirilín de Edicións Fervenza, o empresario Miguel Villar; a mestra María Porto, ó deseñador do cartel da festa, o pintor local Manuel Fragoso; a primeira tenente de alcalde da Estrada, Raquel López Doce, á responsable da agrupación Abrente, María Xesús Ferro; e o concelleiro de Cultura da Estrada, á presidenta da ANPA Alecrín do Foxo, Pili Guerrero. Entre un público formado por pais e alumnos do Foxo e veciños da zona atopábanse tamén políticos como os concelleiros Germán González, Xoán Carlos Castro ou José López Campos así como o presidente do PP local, Juan Constenla.
Unha nova actuación de Abrente mailo concerto da Banda Municipal da Estrada deron paso a un xantar de confraternidade no que, a pesares de que o tempo non acompañou, participaron en torno a 300 persoas. Despois e tras unha nova sesión de xogos populares, "Os Abrentiños" representaron "O partido do século" de Fernando González Graña, os nenos de cuarto de Primaria do Foxo cantaron "As linguas" (tema da súa autoría), os alumnos do Primeiro Ciclo do colexio bailaron "A media volta" e os de quinto curso deron vida ó "Rap da Lingua". Finalmente, os rapaces de quinto e sexto representaron "Tres capitáns de tempos idos" de Antón Avilés de Taramancos, un repaso da historia da lingua galega: esplendor, séculos escursos e rexurdimento. Onte volveuse a demostrar que a lingua e a cultura viven na Estrada unha nova época de esplendor.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Calendario laboral y escolar 2017/2018

Calendario laboral 2018 en Galicia

Calendario Laboral 2018 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2017/2018 .

 

 

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia


selectividad 2018 Galicia

Toda la información sobre la selectividad

Consulta aquí toda la información sobre las pruebas de acceso a la Universidad: notas de corte, resultados y noticias


Enlaces recomendados: Premios Cine