Ana Cela / A ESTRADA

Tributar un necesario recoñecemento a "ese labor calado, intenso e fundamental" que realizou Manuel Daniel Varela Buxán polo teatro galego, primeiro dende a Arxentina e depois dende a terra que o veu nacer. Así definiu onte o estradense Xosé Luna un dos obxectivos do seu novo traballo que, da man de Edicións Xerais, foi presentado no Teatro Principal. Música e unha das obras deste mestre da dramaturxia arrolaron as pezas "Se o sei non volvo á casa" e "A taberna sen dono".

- Declarouse en numerosas ocasións un apaixoado admirador de Varela Buxán. Como o definiría?

- É o home que máis teatro leva escrito e sobre todo o que máis teatro leva representado. Penso que o sobrenome que lle poñemos sempre, o patriarca do teatro galego, é mercido.

- Pensa que lle foi recoñecido ese traballo a prol la dramaturxia galega?

- Si. Triunfou dende 1938 que estrea en Bos Aires "Se o sei non volvo á casa" ata 1950 que volve á terra outra vez. El triunfou en Arxentina durante case 20 anos e deixou alí un pouso. Tiña o apoio total do público porque as súas obras estaban en carteleira máis de cen días seguidos. Foi o creador da primeria compañía de teatro profesional sen subvencións -hoxe sería impensable- e despois Castelao confiou nel para dirixir por vez primeira "Os vellos non deben de namorarse" no ano 41. Con esa validación de Castelao achegáronse a el os intelectuais porque ao principio el na Arxentina tiña o apoio da colonia emigrante pero non dos exiliados. O teatro del quedou validado. Chega no ano 50 aquí e a realidade política que había dunha dictadura facía impensable o seu soño de montar outra vez teatro galego e levalo por toda a terra, por toda Galicia. Foi a mágoa que tivo. El loitou moito por editar a súa obra nunha editorial grande. Agora chega o recoñecemento de ver a súa obra publicada nunha editorial grande como pode ser Xerais.

- A pesares das circunstancias que topou ao seu regreso, foi profeta na súa terra.

- Si, foi profeta na súa terra. No ano 50 el non podía vivir aquí do teatro porque, entre outras cousas, ninguén vivía do teatro, non existían teatros, non eran comparables aos anos 50 de Bos Aires. Tivo que buscarse a vida, tivo moitísimos traballos, fíxose dentista e volveu casar. De Varela Buxán si se representaron moitísimas obras en Galicia, foi o autor máis representado. Era un teatro que buscaba exaltar os valores do campo, do agro, do mar e conectaba moi ben coa colonia emigrante.

- Cando e como descobre Xosé Luna a Varela Buxán?

- A primeira vez que vexo a Varela Buxán estamos no ano 1975-1976 no noso Teatro Principal. Había unha obra representada por xente de Callobre e tiven a sorte de estar alí e de ver a un home impecablemente vestido, como vestían os vellos galeguistas, e que estaba emocionadísimo. Todo o teatro aplaudíndolle e el chorando. Foi o primeiro contacto que tiven con Varela Buxán. Logo como mestre teño representado en distintos colexios moitas obras del e no 1999 gaño o premio Roberto Blanco Torres e empezo cunha cita de Varela Buxán. Logo de aí seguiron máis encontros. Empezo a investigar a vida e a obra e traballar o seu teatro.

- Un ano intenso, marcado polo éxito do seu libro de conversas con Francisco Pillado Maior e agora por esta obra...

- Os dous teñen moita conexión por que Pancho Pillado foi a primeira persoa que recolleu todo o legado que Varela Buxán trouxo de Arxentina.