Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A figura do Meco no entroido ancestral (e II)

O autor fai un repaso sobre o señor feudal que foi axusticiado polos seus abusos relativos ao dereito de pernada

Careta dun centulo de O Grove. // Arquivo A.M.

Desaparecidas moitas das personificacións de mascaradas carnavalescas no mundo rural ou mariñeiro que lle deran a súa orixe e singularidade como os "mazarucos" de Barbadás, os "alabardeiros" de Toén, os "escabicheiros" de Vigo, os "curruvellos" de Moaña, ou os "folequeiros" da Fonsagrada, aos que hai que sumar os "zarampallos" do Bierzo, ou os "marafois" de Sanabria; temos que lamentar, tamén, a desaparición das máscaras medievais que se deron en chamar os "centulos" do Grove, naquelas manifestacións do entroido e do corpus que fixo da caparazón da centola unha carauta coa que tapar a cara, e que aínda hoxe poden verse nalgúns bares actualizadas en réplicas.

Varios lugares da Ribeira Sacra, O Ribeiro, ou a Limia, manteñen aínda viva a súa tradición do "meco", ao que tamén chaman "volantes" (Chantada), "felos" (Maceda) ou "peliqueiros" (Laza), profusamente vestidos con roupaxe colorida, que mestura prendas propias dos homes como o pantalón branco e con algunhas de muller como o pano nos ombros, coa cara tapada por unha carauta negra e tocados cun pucho feito de arame e fitas de cores que chega a ter mais dun metro de altura e que reviste de colorismo as danzas que van precedidas polos "peliqueiros" e "chocalleiros"; percorren as corredoiras do lugar a paso acelerado abríndose oco entre a xente cun caxato que ás veces remata dando porradas no lombo da veciñanza. No lugar de Forxás das Viñas, no concello da Merca, aínda persisten os "mecos feos" vestidos con roupa abrancazada, un lazo no pescozo, un mantón tipo Manila na cintura e polainas tapando as cirolas ata os xeonllos. Carautas negras, vexiga de porco curada e inchada na punta dun pao que os "mecos" levan na man para zorregarlle aos despistados. Diferentes manifestacións de "mecos de entroido" que teñen a súa versión mais choqueira na "meca vella" ou no "meco vello" neste caso vestidos con farrapos e roupa moi vella e armados cunha vara de madeira coa que baterlle a quen non abra o paso.

É o entroido o tempo da lascivia, da gula, do exceso, dos abusos, dos deleites carnais que tanto transgriden os bos costumes, a estreita moralidade. É tempo de revirar o mundo. As prohibicións eclesiásticas, primeiro, e administrativas, despois, que fixeron do entroido unha festa censurable e perseguible, transformada nas amables e fomentadas "Fiestas de Primavera" e rondallas que pulularon nos tempos das ditaduras de Primo de Rivera e Franco, non lle fixeron tanto dano á tradición como os departamentos das pouco cultivadas concellarías de Cultura e centros culturais destes tempos.

Malia a existencia de traballos que sitúan a orixe do entroido, en antigas culturas pagáns e prehistóricas, non ofrece dúbidas que a mais popular das festas laicas que celebramos en Galicia ten a súa orixe no Cristianismo e na Idade Media. Plenamente inserida na tradición cristiá europea e medieval, aínda que o sexa por contraposición cunha das principais celebracións da cristiandade: a Coresma. Porque iso foi sempre o entroido (tamén chamado antroido, entruido, entrudo, carnaval...) a gran oposición lúdica, transgresora e festeira á chegada da Coresma, da penitencia, da abstención, das privacións carnais (alimenticias e sexuais). Estudosos como Xesús Taboada Chivite, Vicente Risco, X.R.Mariño Ferro, Clodio González Pérez ou Xosé Manuel González Reboredo, teñen sinalado este carácter intrínseco de rebeldía, de exaltación dos excesos e mesmo da violencia.

Entroido, na súa acepción etimolóxica, procede da palabra latina "introitus" que significa entrada, chegada á Coresma, coa retirada da carnalidade, do carnal por imperativo da doutrina eclesiástica. A puxa entre don Carnal, gran protagonista do entroido e dona Coresma, centro das virtudes morais que preconiza o cristianismo, ten na práctica desaforada de sexo e na enchente de comida a base de carnes de porcino (cocido) o seu apoxeo neste tempo festivo que logo do Mércores de Cinza vai dar paso á abstinencia de carnes nos xantares e nas prácticas sexuais. O mal dá paso ao ben. Ou como son derrotadas pola moral as prácticas contrarias ao dogma. Pero mentres non chega a depuración, ponse o mundo do revés, practícanse todos os excesos, dáselle a volta á pureza e todo está permitido, incluso a burla ao poder político, ao cacique e á curia, centro dos padeceres da xente.

Nesta celebración dos excesos carnais é onde hai que situar a presenza, antiga e actual, da figura do "meco" no que se relaciona co entroido, a figura lendaria do "Meco", tan mediatizada entre os grovenses pola zarzuela escrita por Francisco Franco Calvete, e musicada por Juan Fernández, O Vil, e Pepe Besada, co título "O señor feudal. Ou quen matou ao Meco...", obra que para moitas persoas é verdade histórica e para outras materia que pode ter explicacións sustentadas en feitos históricos concretos, cando na realidade non é mais que unha vella lenda europea coas súas diversas transformacións en diferentes lugares de Bretaña, Irlanda, España, Portugal e Galicia.

O "meco" na súa representación de fornicador extramatrimonial, de adúltero que abusa do seu poder practicando a sexualidade de maneira incontrolada e disoluta, adopta o papel de rei supremo do entroido, entronizado para ser logo queimado para que pague polos seus "pecados". No caso de Santiago de Compostela toma diversas propiedades de animal humanizado, coma a representación dunha figura de porco humanoide, realizada en cartón pedra e fibra de vidro, obra do escultor José Manuel Méndez, mesmo xa hai versión de "meca" por un aquel de corrección política da paridade de xénero, "meco ou meca" é a gran figura protagonista do entroido compostelán, recollendo a tradición das enchentes carnais na súa vertente alimentaria. Mais temos, noutros lugares, o "meco" como figura antropomórfica, rústica, tosca, tallado nun tronco de carballo, que simboliza a acumulación dun longo historial de excesos e abusos sexuais, neste caso dotado dun pene de gran tamaño que é sacado en procesión padecendo o escarnio, a burla, da veciñanza que o fan responsable de todos os males que padecen as boas xentes do lugar da As Teixugueiras, no concello de Cartelle. Noutras parroquias o "meco" é un boneco de palla, vestido con roupa vella e dotado de enormes atributos sexuais. Ou mesmo adopta a función purificadora dotándose dun pau cunha xesta varredoira co que "o meco pasacorredoiras"depura o sexo de homes e mulleres "nas súas partes obxecto de vellas afrontas" , como no caso do Meco da Ermida, na Queiruga, no concello de Lugo, que mesmo chegou a ser protagonista de procesións relixiosas.

Entronización do "meco"

Nos diferentes casos da celebración do entroido ancestral, a escolla do rei, ou do deus, ao que renderlle tributo, honra e culto, é diferente, mais en ningún caso se perde a perspectiva de que é necesaria esa figura á que primeiro adorar e usar logo como chibo expiatorio ao que culpar, condenar e queimar no remate do ciclo festivo.

Vemos pois que a dualidade carne e Coresma ten a súa correspondencia nestes dous roles que se lle asignan á figura do "meco" ao que primeiro entronizamos e adoramos, e logo burlamos, culpamos e condenamos á morte na fogueira, ou na forca. Sen dúbida procede a figura carnavalesca da propia lenda do Señor Feudal que ten no Grove a súa concreción territorial, a sede simbólica da lenda, e a adoración polo mandatario ao que comezamos por ser submisos, servos, e finalmente vingamos tomando a xustiza pola man colectiva do "matámolo todos". Na meirande parte dos lugares que manteñen esta tradición o "meco" é un boneco grotesco feito de palla e roupa vella, a escala dunha persoa adulta, dotado de atributos sexuais desmesurados. Normalmente preside, pendurado dun arame, a praza principal da aldea, ou o torreiro da festa, e será obxecto de adoración, burla e morte na queima do derradeiro día do entroido, o Mércores de Cinza; un proceso que simboliza a servidume e a necesidade de procurar o alivio dos abusos e calamidades na figura que representa o poder e a quen a xente do común vai culpar de cantas penurias padece a colectividade.

A complexidade de centrar a orixe do entroido é tan obvia como as tentativas de explicar o seu significado ancestral; pola súa riqueza, variedade e diversidade de manifestacións concretas, sexa nas máscaras, nos ritos, nas procesións, nas manifestacións orais e nas interpretacións musicais, comparsas e comitivas tipo folión, representacións teatrais, entronizacións (a do "meco"), personificacións, xuízos e paradas militares (os xenerais do Ulla), danzas (madamas e galáns), bromas e mesmo violencias (enfariñadas, bostas e formigas) polo que hai que presumir que se deron mudanzas territoriais e réplicas entre zonas diferentes e ben lonxe entre elas. Así podemos encontrar "mecos", na súa acepción etimolóxica latina de "adúltero e lascivo" por toda Galicia e noutros lugares de Irlanda, Portugal, ou na Bretaña, onde tamén se manifesta como un libertino, un condenable vicioso sexual.

Compartir el artículo

stats