O centro de día de Valga celebrou a chegada do novo ano cun festival de panxoliñas que tivo lugar no Auditorio Municipal dese municipio e no que participaron os usuarios do centro valgués e convidados doutros catro dependencias semellantes de Vilagarcía, Portas, Rois e Dodro, que gozaron dunha xornada de convivencia e festa da que desfrutaron enormemente.

O evento empezou cunha breve actuación dun grupo de alumnos da Escola Municipal de Música, que tocaron pasodobres, temas populares e panxoliñas cos que cos maiores bailaron, cantaron e deron palmas.

Este animado comezo deu paso ao prato forte: a interpretación de cancións de Nadal por parte dos usuarios dos diferentes centros. "Navidad", "Dime niño de quién eres", "Los peces en el río", "La marimorena", "Campana sobre campana", "O pendello" e "Chegaron a pé" foron algunhas das panxoliñas que soaron no Auditorio, cancións máxicas que se acostuman a entoar coa chegada dunhas datas tan especiais.

A celebración rematou cun brinde polo novo ano, o 2020.