Gabriele von Hundelshausen é a encargada de sacar adiante a Axenda 2030, un camiño cara a transición enerxética no que embarcou a Arousa xunto con outras 26 illas europeas. Como edil de Medio Ambiente, leva xa varios meses traballando en conseguir que o pequeno municipio acabe liderando a transición enerxética que frene a contaminación.

-¿Como se suma A Illa á Axenda 2030?

-Escolléronnos a 26 illas europeas dentro do programa Clean energy for EU islands para definir a nosa propia Axenda 2030. A nosa eleción non foi unha casualidade, senón que, ao ser illas, imos ter que enfrontarnos ao cambio climático moito antes que outros lugares, e nós sumámonos á iniciativa con moito interese.

-¿Xa se definiu algún proxecto para acadar esa transición enerxética?

-Hai algún no forno, pero inda nos atopamos nunha situación moi inicial e á búsqueda de financiamento. De todas formas, o principal obxectivo é definir a nosa axenda nun proceso participativo, definir que Arousa queremos ter para o 2030 e como acadar a nosa propia transición enerxética e baixo que condicións, aplicándoas á realidade da Illa. O que temos claro é que non existen recetas xenéricas, cada sitio debe adaptarse ás súas potencialidades e buscar maneiras de aplicalo. Para iso debemos definir cales son os nosos consumos, as nosas deficiencias e perigos, e despois, entre todos, buscar unha solución.

-¿Ese sería o papel dos transition team ?

-Son os equipos onde a xente que está interesada en participar traballa na axenda. Por en marcha estas iniciativas require dun proceso participativo, non pode ser un mero documento feito por políticos ou técnicos sen ningún tipo de aplicación. A iniciativa popular, ademáis de ser moi arousá, é a chave disto. Moitas das cousas que pensamos podíanse pór en marcha mañá mesmo, pero se non o facemos entre todos, non teñens sentido ningún. Xa podes ser un técnico ou un político moi convencido e ter moi claras as solucións que se a xente non está implicada, non vas poder cambiar o sistema e iniciar a transición enerxética.

-¿E hai implicación entre a xente?

-Fixemos varias xornadas con moitas charlas, e non vou negar que nalgunha non chegabamos a quince persoas, pero sería inxusto non recoñecer que hai interese por parte dun alto porcentaxe de veciños da Illa por este proxecto. Para ser un pobo pequeno, de menos de 5.000 habitantes, a xente está interesada porque a Arousa é moi receptiva cando se trata de mellorar, e no que respecta ao medio ambiente, conta con unha gran concienciación.

-A Axenda 2030 ten que estar definida o vindeiro ano

-Queremos ter moi clara a folla de ruta, onde están as problemáticas, cal vai ser a nosa visión sobre elas e como imos chegar ás conclusión para, durante os vindeiros dez anos, levar a cabo eses proxectos. O noso obxectivo é cambiar o sistema, temos que aprender a xestionar a enerxía para que sexa eficiente e reducir para poder cubrir as nosas necesidades con enerxías renovables. Temos que xeralas nós e para iso necesitamos implementar proxectos, pero tamén temos que cambiar costumes de mobilidade, de construcción, ...

-¿La Palma, Estocolmo ou Croacia ofreceron algunha idea?

-Participamos neses lugares en foros onde nos reunimos as illas que estamos no proxecto. Estes tres lugares son puntos piloto que xa contan cunha axenda elaborada, por iso imos a eses foros a aprender e a entender como o están levando a cabo. Vendo solucións e contactar entre nós para asesorarnos e inspirarnos.