Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

As mulleres amosan que elas levan o timón do mar, aínda que lles falte máis visibilidade

O Club FARO expón no Grove a necesidade de recoñecer o traballo das mariscadoras, redeiras, bateeiras, armadoras e investigadoras - Tamén se falou dun planeta en risco

Elas son as que mandan, as que levan o timón do mar de Galicia. Elas, as mulleres, son as traballadoras invisibles que contribúen de xeito decisivo a xerar riqueza na comunidade, aínda que o seu traballo non estea recoñecido como se merece ou sexa inxustamente tratado, e nin siquera figuren nas estatísticas. Estas son algunhas das reflexións que se poideron escoitar onte a noite, nunha xuntanza do Club FARO que tivo lugar na Sala das Cunchas do Concello do Grove, presentada pola presidenta da Deputación, Carmela Silva.

Estivo acompañada da catedrática María Elsa Vázquez Otero e da mestra María Mercedes Álvarez Lires, ámbalas dúas pertencentes á Universidade de Vigo. E tamén por Sandra Amézaga, secretaria da Asociación de Mulleres do Mar de Arousa, e Rita Míguez, que preside a Asociación Nacional das Mulleres da Pesca (Anmupesca).

Entre todas fixeron un repaso ó pasado, presente e mailo futuro do sector do mar, pois saben, como explicou Carmela Silva, que "as mulleres seguimos sendo bastante invisibles, a pesar de todo o que facemos". Quixo decir con esto que "no mundo do mar fomos as que mantivemos a economía e as verdadeiras protagonistas de Galicia, polo que é bo que, como facemos no Grove co Club FARO, falemos de nós e poñamos en valor o noso traballo".

Deste xeito empezou falando dun planeta "en risco" e duns océanos "cubertos de plásticos". E esto levouna a decir que "as mulleres do mar son as máis preocupadas polo seu estado e as que mellor o coñecen, por eso saben que o noso futuro depende de protexer este medio de vida".

O que queren, tanto Carmela Silva coma as demáis participantes nesta xuntanza, é "seguir traballando ata que o papel das mulleres sexa recoñecido", e esto tamén supón "reclamar dereitos en canto a xubilación, enfermidades e outros moitos que xa teñen recoñecidos os homes".

Tamén se falou de sustentabilidade, encargándose María Mercedes Álvarez, que amáis de mestra é neta de redeira, de defender unha aposta pola sustentabilidade e a visibilidade das mulleres do mar, "promovendo o asociacionismo e a creación de emprego".

Nas súas intervencións fixo un percorrido pola historia das redeiras, das traballadoras da salga e das conserveiras, mariscadoras, pescadoras, investigadores, armadoras e das mulleres xerentes de empresas. Todo elo para facer unha reflexión sobre a "labor fundamental" das mulleres do mar, na cal tamén se detivo Elsa Vázquez, que falou da mortandade de bivalvos e de como vai afectar o cambio climático ó marisqueo a pé.

Amáis de expor datos estadísticos que amosan a disminución da rendabilidade do sector, esta bióloga mariña subliñou os efectos das vagas de calor, "agora máis fecuentes e de maior duración", como tamén alertou do que acontece coas alteracións que provocan riadas no inverno capaces de baixar a salinidade e matar o marisco.

Deste xeito fixeron un repaso a ese sector feminino que sigue a sofrir as consecuencias dunha sociedade machista e patriarcal pero que, a pesares diso, ten moi claro cal é o seu rumbo no mar de Galicia.

Compartir el artículo

stats