Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Salvador Allo: "Nas asociacións culturais está o sentido crítico da sociedade"

"O día que non haxa cousas pendentes de facer, de transmitir á xente, non seríamos unha asociación"

Salvador Allo foi ratificado como presidente de Dorna. // Iñaki Abella

Con 57 anos ao seu lombo, Salvador Allo volve a repetir como máximo responsable de toda unha institución na Illa de Arousa, a asociación cultural e deportiva Dorna. Seis anos leva como a súa cabeza máis visible, aínda que non está só nesta tarefa, xa que conta cunha directiva renovada, con representantes de todas as seccións que integran un colectivo que sempre se caracterizou por dinamizar a cultura e o deporte nese municipio.

-¿Que lle levou a coller de novo as rendas da asociación?

-Fíxose una candidatura de consenso na que estamos representadas todas as seccións da asociación e decidiuse que continuase, alomenos, dous anos máis como unha forma de darlle relevo aos que entran de novo, para que vaian collendo responsabilidades e dentro de dous anos, tomar o relevo.

-¿Que papel xoga Dorna na vida da Illa?

-Pois un papel importantísimo. Hai que ter en conta que estamos a falar da asociación máis importante da Illa, e a nivel social move moita xente coas diferentes seccións que a integran. Temos unha gran cantidade de socios, todas as familias teñen, polo menos, un integrante na asociación. Nestes anos, amosamos que estamos abertos a actividades novas, sempre dándolle marxe para que funcionen. Por probar non vai quedar. Tamén fomentamos o estado crítico da sociedade dunha forma construtiva e desde a cultura.

-¿Que lle encheu máis en todos estes anos?

-Nos vinte anos que levo como membro de Dorna, primeiro na sección de embarcacións tradicionais, e logo como presidente, foi a miña medra a nivel personal, iso é algo que me enche. Unha asociación cultural é un ámbito onde tes que tentar conciliar coa sociedade. Eu non estou para mandar, estou para conciliar entre todos para que poidan saír cousas avante, cousas que poidan beneficiar á maior parte da xente da Arousa.

-¿Que lle queda pendente?

-Quédannos moitas cousas. O día que non quede algo pendente non seríamos unha asociación. Quédanos pendente o espazo onde se fan as cousas, as actividades que desenvolvemos a cotío. Na Illa temos bastantes sitios, pero temos tantas propostas que non son suficientes. Non chega o pabellón de deportes, baloncesto necesita unhas instalacións adecuadas, pero non só para este deporte, se non para moitas cousas. Fan falta sitios para unha escola de música. Están facendo as casas modernistas, necesitamos un sitio onde concentrar gran parte das actividades deportivas. Estas non poden depender dun colexio, como ocorre agora.

-A súa directiva conta cun bo feixe de incorporacións novas ¿Que os move a formar parte do proxecto?

-O interese loxicamente, pero non o interese monetario, porque entón non servirían, senón o interese de axudar, o interese de traballar e facer cousas e que estas saian para adiante e atraian ás persoas. O que fixemos foi coller a un representante de cada colectivo e metelo de directivo. Iso permítenos coñecer cales son as inquedanzas de cada un, coordinarnos e non pisarnos.

-¿Con 40 anos de antigüidade, a Dorna cústalle afacerse aos novos tempos?

-Unha asociación cultural como a nosa ten que ir coa sociedade. Está claro que os que estamos aí non somos estatuas e vemos o que pasa ao noso redor. Somos as asociacións as que primeiro mudamos, con moita máis velocidade que os políticos ou os estamentos xudiciais, aos que lles custa muito máis. A nós, as cousas que pasan na sociedade aféctannos de forma inmediata. É por iso que nestes coletivos está o sentido crítico da sociedade e somos os que podemos trasladar eses cambios ás institucións.

-Contan xa con 600 socios, máis do 10% da poboación da Illa.

-Si, e por iso as institucións deberían ter ás asociacións culturais e darlle valor ao que lles comunican. Unha asociación que ten máis do 10% da poboación ten que ser importante á hora de tomar decisións. Recoñezo que non teño queixa dos alcaldes cos que coincidín, sempre estiveron e sempre nos escoitaron, e iso xa é algo positivo, porque noutros estamentos non acostuman a facelo.

-¿Como lles afectou a Lei do Deporte?

-Temos que adaptarnos a ela. Coa nova Lei, hay que federar cada unha das seccións con xente ao frente. Antes formaban parte da directiva de Dorna, pero agora van ser como clubes independentes, pero sen perder os seus vencellos coa asociación matriz, que esa sempre será Dorna.

Compartir el artículo

stats