Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Anduriña, cen anos de historia do fútbol no Grove

Hoxe preséntase o libro e o documental sobre o centenario dun dos clubes máis senlleiros do balompé modesto no Salnés

Aliñación presentada polo Anduriña nun encontro de 1952 no campo da Toxa. // Arquivo Antón Mascato

Cen anos de vida social e deportiva son moitos anos, os que cumpriría o histórico clube de fútbol Anduriña do Grove se continuase activo na actualidade.

Unha exposición, un libro e un documental, e outros actos como encontros, xornadas deportivas, ou ceas de confraternidade desenvolvérense neste mes de outubro, e dan conta desta efemérides que procura render homenaxe a cantos levaron nos seus corazóns o escudo do paxaro e as cores negra e branca trazadas no peito.

Non temos rexistros que documenten a fundación do clube, pero sabemos que foi o médico Cándido Otero Goday, a finais de 1919, daquela empregado na compañía alemana de navegación Bremen Lloyd, de viaxes transoceánicas levando enxurradas de migrantes europeos a terras da América do Sur, quen fundou o histórico Anduriña do Grove.

Naceu como Fútbol Clube, pasando na década de 1930 a chamarse Sociedade Deportiva. Como resultado dos traballos de documentación para a redacción do libro "Anduriña. Cen anos de paixón" hoxe sabemos que o primeiro equipamento non tiña franxas negras sobre a camisola branca.

Na década de 1920 o equipo de modestos e o seu infantil e xuvenil, que xa competían en 1925, xogaban cunha camisola branca, con puños e colariño en azul escuro, pantalón negro e medias da mesma cor. No escudo do peito xa figuraba un balón coa ave voando en sentido descendente.

Pioneiros

Xogadores pioneiros como Herodes, Manuel Lueiro, Paco Mascato, Pepe Campaña, Moncho Carroño, Paco Ghardés, Ramón Mandías, Emiliano Goday? son hoxe referencias remotas para a afección que permanece viva; mais non é pasado esquecido a brillantísima etapa da "sepilladora" que na década de 1950 arrasaba nos campos das Rías Baixas con Javier Campaña, Luis Prieto, Gerardo Sanmartín, Núñez O Bichotes, Prieto, Bolina, Migelito, Fernando Besada, Paco Padín, Cartucho, Ferriños e Lapre, extraordinario equipo formado na súa totalidade na canteira local.

A década de 1960 é de transición (onde destacan Luis Escalante, Manos, Carlos Prieto, Barral, Marciano, Xé O Picán, Jorge, Senra, Miguel O Pirillo, Manolo Piñeiro, Luis O Simón, Joaquín Solla, Manolo Chupete, Guillán, Marra?) con problemas graves pola expulsión do campo de fútbol da Toxa, e a non participación en competicións se tiñan que xogar fóra do Grove, como locais, as relación societarias co Casino do Grove (Moncho Mascato, Jesús Montero, Juan Costa?), e o retorno xa con novo campo no Monte da Vila.

Comezaba a década de 1970 e outra vez competindo entre os mellores equipos de Galicia; ascenso á Serie A, equiparable á terceira de hoxe, e unha nova xeira de extraordinarios xogadores, títulos e trofeos: con Pérez de Lis, Rey; Pepiño, Neno, Mon, Lores, Quito, Ribadulla, Eloy, Cachapón, Lulo, Abal, Orizaola, Juan O Pisalla, Coira, García Padín, Chichí, Paredes, Fernando Fernández, Rivas?

Foron épocas de altísimo valor deportivo, nas que o Anduriña tiña directivos de absoluta entrega e fidelidade (Benito Mirazo, Quiel Domínguez, Doro Chaves?) e adestradores destacados (Luis Molla, Alberto Argibay, Serafín Neira?).

Sen esquecérmonos de persoas como Luís O Comidilla, Moisés, Toñito Aguín, José Ramón, Carolo, Guillermo, ata Javieriño? que cumpriron eses traballos de intendencia que non lucen, pero son imprescindibles para o normal desenvolvemento do equipo.

Un brillantísimo historial deportivo e humano que remataría formalmente coa fusión acordada no ano 2005.

Relacións sociais

Foi o Anduriña un clube que mantivo ao longo da súa historia magníficas relacións sociais, así pode decirse de Segismundo Blanco Cuesta, Don Verdades, que fora presidente da Federación de Árbitros, e dos Adestradores; redactor xefe do semanario deportivo "Aire" ou directivo do Pontevedra, que aceptou ser adestrador e presidente do clube en 1940; de Saturnino Mejuto, xornalista e antigo delegado do Deportivo da Coruña, que foi principal valedor e presidente anduriñista en 1969; de Marcel Domingo, adestrador do Pontevedra nos anos do "Hai que roelo" da primeira división e seleccionador da española, que visitou varias veces o campo do Anduriña, na Toxa, e o do Monte da Vila; ou de Ángel García Hernández, antigo directivo do Pontevedra e delegado para os asuntos aconómicos da Federación española de Educación Física e Deportes que puxo en 1967 case dous millóns de pesetas para que o municipal do Monte da Vila fose unha realidade, nunca esqueceu as facilidades e o trato que o Anduriña lle dera sempre ao Pontevedra nas fichaxes importantes como a de Fernando Besada; ou do delegado da Federación Galega de Fútbol en Pontevedra, Manuel Barreiro, que mantén aínda o mellor dos recordos dun clube ao que non lle oculta as súas querencias motivadas en que "durante anos foi o gran equipo das Rías Baixas, acadando campionatos e premios importantes como o Luis Otero á deportividade, e varios galardóns como o de non ter en todo o ano ningunha sanción ou falta; nin os seus xogadores, nin os seus directivos, nin a afección, o Anduriña era un gran club" díxonos cando o entrevistamos.

Todo pasa, non sendo o pasado, por iso non remata a paixón acumulada no historial de cen anos de vida na sociedade do Grove; todas as persoas nacidas ou criadas aquí levan dentro un anaquiño desta longa historia de éxito e dedicación.

Implicación intensa

Por iso a comisión de homenaxe ao Anduriña histórico programou a realización desta exposición, coa implicación intensa de varios dos seus membros. Non resultará sorprendente saber que para a preparación da exposición que neste mes de outubro pode verse nun local da Rúa Pablo Iglesias, tiveron que facer un intenso traballo de limpeza, restauración e polido dos douscentos trofeos que, nun estado lamentable, foron recuperados por ex xogadores como Luís Escalante, Carlos Prieto ou Xé O Picán, "porque só nós sabemos o moito que costou gañalos", asumindo os traballos de limpeza e promovendo a localización doutros de propiedade particular como os da familia de José Antonio Blanco, Cartucho, de Carolo ou Gerardo Sanmartín entre outras.

Cadros de homenaxe

A ese material hai que sumar outros obxectos como cadros de homenaxe tallados en madeira; bandeirolas de clubes cos que se enfrontou e propias entregadas a competidores; bandas de miss Anduriña, entre as que destaca a de Paquita Goday, de 1934, preciosa obra de arte pintada a man; libros de directivos e afeccionados dando conta de resultados e comentarios, como o "Bloc" de Miguel Besada ou libro "Historia dun ascenso" de Toñito Aguiño; libros de socias e de actas do clube; equipamento de épocas diferentes, como a camisola do ascenso á Serie A; obxectos promocionais, carnés e fichas de socios e xogadores; documentos da actuación de Antonio Machín nos bailes anduriñistas de 1946 e 1964; a colección completa dos artigos que sobre O Grove publicou o xornalista Saturnino Mejuto Iglesias, nas décadas de 1960 e 1970; e unha impresionante mostra de mais de duascentas fotografías de todas as épocas.

Esta exposición que pode visitarse os venres, sábados e domingos do mes de outubro, supón un notable fito na memoria colectiva do deporte e a sociedade do Grove. Fito irrepetible, se o Concello do Grove non actúa con premura na preparación dun espazo público no que poida permanecer de xeito permantente.

*Coautor do libro do Anduriña

Compartir el artículo

stats