"Unha viaxe pola arte" é o nome da exposición que se inaugurou onte no Auditorio da Illa, unha mostra conxunta de fotografía e pintura que elaboraron, de forma conxunta Juan Manuel Silva e María José Rodríguez respectivamente. En ambos casos, a paisaxe é un elemento fundamental en todas as obras. Varela Silva é un fotógrafo autodidacta que se sinte atraído por esta disciplina desde moi novo. Taxista de profesión, aproveita os seus traxectos para visualizar paisaxes e recunchos de toda España, que despois, transforma en verdadeiras obras de arte cheas de sensibilidade. Nos últimos anos, ten exposto a súa obra en lugares como Caldas, Portas ou Madrid entre outros.

No caso de Rodríguez, é unha pedagoga con inquedanzas artísticas desde nena. Nesa faceta ten acadado premios que van desde cartelismo ata ilustracións de tarxetas de Nadal, pasando por libros, beléns artesanais ou reciclaxe. Non é a primeira ocasión que expón no Concello da Illa, participando tamén no primeiro encontro "Arte e Natureza", protagonizado por artistas de toda Galicia co obxectivo de reciclar e converter elementos de natureza en arte.

A mostra estará no Auditorio ata o vindeiro 18 de outubro.