O Servizo de Normalización Lingüística municipal, dependente da concellería de Cultura, vai organizar en colaboración coa de Educación unha actividade de dinamización pensada para visibilizar e impulsar o uso da lingua galega no deporte e nos xogos entre os nenos da localidade.

Trátase de Lingua Forza 3, unha proposta que se vai ofrecer o vindeiro martes entre os rapaces do campamento de verán do Concello do Grove.

Neste obradoiro plantéxase "unha divertida xincana con probas e xogos populares en versión lingüística e novos xogos deseñados especialmente para este proxecto", de tal xeito que para superaren as distintas probas os nenos "terán que empregar as súas destrezas de traballo en equipo, resistencia, habilidade e velocidade física, lingüística e mental".

Do mesmo xeito, "os monitores irán enfiando todas as probas coa posta en escena de narracións dramatizadas, fomentando o uso da lingua galega entre a xente miúda dun xeito eminentemente lúdico a través do xogo e do traballo en equipo", explican no Concello.

Trátase de "promover os xogos en galego, tanto os tradicionais coma o máis novos, asociar o uso da lingua galega a outras áreas do currículo escolar, especialmente á educación física, e dar a coñecer o léxico do deporte e o patrimonio inmaterial do galego oral", engaden.