Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A nai de todas as regatas é na Illa

A Volta á Arousa celébrase o sábado coa participación de 40 dornas

Serán preto de 40 as dornas que participarán na Volta á Arousa. // Noé Parga

Hai xa máis de tres décadas unha serie de persoas decidiu rebelarse contra a cegada da modernidade e manter viva a tradición de navegar a vela pola ría de Arousa. Todos eles xuntárense arredor da Asociación Cultural e Deportiva Dorna que, moi pronto, dou un paso máis adiante, pondo en marcha a primeira competición de dornas.

Esa primeira competición foi no 1984 e consistiu en rodear navegando o perímetro da Illa de Arousa. Esa peripecia mantense na actualidade e foi fundamental para que o movimento para preservar as embarcacións tradicionais comezase a medrar ata chegar ao que hoxe é Culturmar. Esa proba mítica volverá a repetirse este sábado, a partires das 16.00 horas, tendo como punto de partida o areal da Canteira, na zona do Bao.

Desde ese punto partirán as preto de 40 dornas inscritas, na súa maior parte da Illa, aínda que tamén do resto da ría de Arousa, e incluso, das de Pontevedra e Vigo. Salvador Allo, presidente da Asociación Cultural e Deportiva Dorna, recoñece que esta "é a nai de todas as regatas que se organizan, non só por ser a primeira que se celebrou, senón que tamén é a máis complicada, pola súa duración e porque no traxecto pódeste atopar todo tipo de condicións meteorolóxicas e ventos".

De feito, desde que se celebra, a Volta ten pasado todo tipo de vicisitudes, desde suspensións con ela comezada ata incidentes espectaculares coas dornas tendo que varar en terra ante a aparición dunha galerna que facía imposible a navegación.

En principio, as previsións meteorolóxicas apuntan a que a xornada vai ser bastante tranquila e propicia para a navegación, aínda que "na Volta nunca se sabe moi ben o que pode pasar, podes estar nunha encalmada podre e, de súpeto, entrar un vento que te leva a toda velocidade".

Para evitar sustos, a organización da asociación cultural e deportiva Dorna, conta cun número importante de persoas traballando no servizo de seguridade, o cal seguirá ás case 40 dornas moi de preto, tanto con lanchas como con barcos de apoio pois "evitar calquer incidente é o principal obxectivo que nos marcamos".

A dorna que defenderá o título será a "Pereka", unha das embarcacións maís laureadas destes 35 anos de historia. As rivais das que deberá estar pendente para revalidar o título serán dornas tan coñecidas como "Jalerna", "Cariñosa" ou "Nécora". Todas elas son da Illa, xa que a Volta á Arousa é case territorio exclusivo das dornas locais. A saída será desde a praia da Canteira con proa ao norte se sopra ese vento, o que fará que as dornas pasen por Aguiuncho, Xufre, Punta Cabalo, Testos, Quilma, Carreirón e teñan que atravesar por debaixo da ponte instantes antes de chegar á meta.

Compartir el artículo

stats