Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O Mar de Arousa lembra a figura de Rosalía

Un total de 27 dornas participaron na sétima edición de "Inchadiña branca vela" remontando o río Ulla

As dornas foron despedidas con música. // Noé Parga

Aínda non pasaran cinco minutos das catro e media da tarde cando as dornas do mar de Arousa, levantaron a vela de relinga na praia fluvial de Vilarello, no municipio de Valga, para pór proa cara Padrón e dar comezo coa particular homenaxe que o mundo do mar tradicional rende cada ano á senlleira figura de Rosalía de Castro. Un ventiño xeitoso acompañounas nesta singradura, onde ofreceron un espectáculo fermoso, con todos os barcos nunha interminable fila india navegando camiño do paseo do Espolón e desafiando a forte corrente que bulía buscando o mar de Arousa.

A maior parte das dornas participantes eran da Asociación Cultural e Deportiva Dorna, da Illa, colaboradora necesaria coa Fundación que leva o nome da escritora para facer este homenaxe que cumpriu onte o seu sétimo aniversario. Ás habituais uníronse nesta edición embarcacións de Vigo, Pontevedra, e incluso, Ribadeo. Á súa chegada ao Espolón, agardábaos unha multitude que asistiu ao flamexar de velas en homenaxe a Rosalía e ao desfile de todos os tripulantes cos remos ao ombreiro para entonar o himno do antigo reino de Galicia ante a imaxe que existe no parque de padrón. Trala ofrenda floral, todos os participantes achegáronse á exposición fotográfica de Eduardo Rivo, na Casa do Patín, unha mostra que amosa fotografías de todas as edicións de "Inchadiña branca vela".

A maior parte das dornas, sobre as 18.30 horas, iniciaron o regreso, pero non se foron todas de Padrón, xa que unhas poucas ficaron na praza da Leña de Padrón para dar a coñecer a navegación tradicional entre os participantes no acto de onte. Esas dornas regresarán mañá a Vilarello.

"Inchadiña branca vela", é un verso de Rosalía que Dorna e a Fundación da escritora escolleron alá polo 2013, como nome desta actividade que se celebrou co gallo do 150 aniversario da publicación de "Cantares gallegos". Ambos colectivos decidiron que debía continuar e lembrar á escritora todos os anos con esta navegación tradicional.

Compartir el artículo

stats