Case o dobre de embarcacións tradicionais se unirán este sábado á "Inchadiña branca vela", unha homenaxe das xentes do mar a Rosalía de Castro. Serán 27 subindo Ulla e Sar este sábado 3, chamadas pola Fundación Rosalía de Castro e a Asociación Cultural Dorna da Arousa, coa colaboración do Concello de Padrón, de Dodro e de Valga.

Unhas 27 embarcacións procedentes da Ría de Vigo (dúas gamelas, unha de Bouzas e outra do Hío), de Pontevedra (unha dorna), un bote de Ribadeo e o resto, dornas da Ría de Arousa, sobre todo da Illa, subirán desde a praia fluvial de Vilarello en Cordeiro (Valga) ata Padrón, onde se lle renderá unha homenaxe a Rosalía diante da súa estatua no Espolón de Padrón.

Esta actividade, que se celebrou por primeira vez en 2013 para celebrar o 150 aniversario da publicación de 'Cantares gallegos', xurdiu como iniciativa das xentes da cultura marítima para honrar a unha autora que en 'Cantares' falaba das dornas que subiran Ulla arriba no seu tempo.

A saída das embarcacións está prevista para as 16.30 horas da Praia fluvial de Vilarello, no Concello de Valga. Unhas dúas horas despois, os 27 barcos tradicionais chegarán ao paseo do Espolón de Padrón, onde serán recibidos con música tradicional e participarán nunha ofrenda floral ante a estatua da escritora.

Este ano as embarcacións quedarán expostas na Praza da Leña de Padrón, ao outro lado do río desde o Espolón, durante un día.