Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Na defensa dos océanos

Amigos das Salgadeiras lembra a importancia de preserva-lo ecosistema mariño e evitar a chegada de plásticos a él

O mar visto desde Punta Moreiras. // Muñiz

As Nacións Unidas están a sinalar diversos "Días Internacionais" para sensibilizar sobre a existencia de problemas sen resolver que afectan a nivel mundial; busca que os gobernos tomen medidas a través da concienciación cidadán. Hoxe, 8 de xuño, celebrase o Día Mundial dos Océanos. Di a ONU que para recordar que son o pulmón das nosas vidas porque xeran o osíxeno que respiramos e, ademais, para concienciar sobre as consecuencias da actividade humana. Busca, pois, a xestión sostible dunha fonte de alimentos e medicinas e unha parte esencial da biosfera.

Este 2019 quere, ademais, resaltar a importancia da igualdade de xénero para a conservación efectiva e o uso sostible dos océanos; lanzou, tamén, a campaña "Play it Out"para acabar coa contaminación producida polos trece millóns de toneladas de plástico que cada ano van parar ó mar.

Desde a Asociación de Amigos das Salgadeiras de Moreiras, queremos lembrar esta celebración e sinalar que cando se fala dos "Océanos", tamén se están a referir ás nosas costas, aos nosos mariñeiros, a cada un de nós. E, especialmente, no Grove: o noso municipio é en realidade illa, rodeada de mar, unida á península por unha extraordinaria ponte natural. Polo tanto, impórtanos como estea o mar. O Museo da Salga é testemuño da permanente relación das nosas xentes co mar que agora está en perigo pola actividade humana, especialmente nas zonas costeiras. Non cabe dúbida da necesidade dun saneamento integral público das rías, de xeito que se evite a inmisión de calquera tipo de contaminantes; non podemos seguir permitindo que os residuos da actividade humana contribúan a desfacer as nosas propias fontes de vida. Pero tamén é necesario ser altofalantes da campaña "Play It Out" e contribuírmos a concienciar a cada un de nós da importancia de non depositar plásticos en ningún sitio diferente dos de recollida do lixo porque en calquera lugar e, particularmente, no Grove, ese plástico rematará no mar: unha bolsa, un envoltorio, unha botella, todo o plástico que non se recolla, acabará no mar. E, polo tanto, contribuirá, á destrución dos Océanos.

E, en canto á igualdade de xénero, destacar ao colectivo das mariscadoras, particularmente ás do Grove, como un sector extraordinariamente avanzado para acadar a igualdade de xénero e o seu extraordinario labor como coidadoras deste patrimonio común natural que son as zonas de marisqueo. Os colectivos de mariscadoras en Galicia están a ser un exemplo mundial de organización e referencia para as mulleres nun entorno natural, facendo do marisqueo unha actividade sostible.

Así pois, desde a Asociación de Amigos das Salgadeiras de Moreiras unímonos ao chamamento da ONU na defensa do mar e dos océanos; pedimos a tódolos cidadáns que rachen con calquera xeito de botar sen control todo tipo de plásticos en calquera lugar non axeitado e louvamos e felicitamos ao colectivo das mariscadoras como exemplo de integración do colectivo feminino, e do desenvolvemento humano sostible na Natureza

Compartir el artículo

stats