Cada ano a xustiza galega trata máis de 319.000 asuntos, pero nin un 2% deles se tramita na nosa lingua (un máximo de 4.000). É un dato que lembraron onte os xuristas na XII Asemblea da Irmandade Xurídica Galega, que arrancou coa descuberta dunha placa que conmemora os 30 anos da primeira sentenza en galego. Os convidados de honra foron os seus artífices, tres xuíces e un fiscal que fixeron extensivo o recoñecemento ao pobo que conservou, contra todo, a súa identidade.

Cumpriuse o dito e un sol de xustiza recibiu onte en Pontevedra aos integrantes da Irmandade Xurídica Galega, convocados para festexar que na nosa lingua faise literatura, política, arte, empresa, ciencia e tamén se imparte xustiza. Neste 2019 o encontro principiou coa descuberta nun lateral da Audiencia Provincial dunha placa conmemorativa da primeira sentenza en galego.

Ditouse fai 30 anos na Audiencia de Pontevedra e fixerona posible os catro xuristas que aparecen na placa: os xuíces da Audiencia capitalina Juan Manuel Alfaya e Xosé Xoán Barreiro, o maxistrado do Tribunal Supremo Luciano Varela e o fiscal xubilado Benito Montero. Recibiron os parabéns dos asistentes á descuberta, na exerceu de anfitrión o presidente da Irmandade Xurídica Galega, Xaquín Monteagudo.

Acompañaron aos protagonistas a presidenta da Deputación, Carmela Silva, o director xeral de Política Lingüística, Valentín García, o concelleiro de Normalización Lingüistica, Alberto Oubiña, o deputado Carlos López Font e profesionais do Dereito que se teñen significado pola súa defensa do galego, caso do abogado e concelleiro pontevedrés Vicente García Legísima.

En nome dos demais homenaxeados, Benito Montero fixo extensivo o recoñecemento ao pobo galego "que creou unha obra de arte extraordinaria, un idioma" . Lembrou que tras da súa idade de ouro a nosa lingua viviu séculos escuros e a represión no franquismo, pero "os galegos nunca deixaron de falalo".

O abogado do Salnés Avelino Ochoa Gondar referiuse ao"compromiso persoal, valente e consciente" dos homenaxeados que, malia todo, son unha minoría. Así, lembrou que na memoria do TSXG en 193 páxinas aparece só unha reseña en galego ou que menos do 2% dos asuntos xudiciais se tramitan nosa lingua.

Se ao mundo da xustiza pediulle que deixe de ser refractario ao galego, ao sector público reclamoulle a decidida defensa do idioma nun momento crítico coma é a eclosión dixital.

Trátase dunha aposta que é "unha cuestión de vontade social", afirmou a presidenta da Deputación, antes de engadir que "non podemos perder o máis importante que temos" como cultura.

Finalizado o acto, o programa trasladouse ao Pazo Provincial, onde se celebrou a asamblea na que a Irmandade Xurídica recibiu a 15 novos membros. Antes do xantar de confraternidade, tamén homenaxeou a título póstumo a Xosé Fariña Jamardo, que foi secretario da Deputación, falecido en 2008, outro dos bos e xenerosos que nos legaron o noso futuro en galego.