Estamos no mirador da Pedragueira, unha especie de refuxio para a candidata do BNG á Alcaldía de Vilagarcía. Cando necesita desconectar, Lucía César VelosoLucía César Veloso (Bamio, 34 anos) pon rumbo a este recuncho agochado no entorno do Punto Limpo dende o que un pode desfrutar dunhas espectaculares vistas da ría de Arousa. Dunha banda, o mar, e da outro, moi preto, o monte, dous sectores produtivos que para a alcaldable nacionalista son fundamentais e nos que aínda, asegura, queda moito por facer.

- Nestas eleccións tanto a dereita como a esquerda concurren moi fragmentadas. Teme que a irrupción de En Común ou Marea da Vila poida restar votos ao BNG?

- Esta situación era bastante predecible, pero nós non temos medo da fragmentación do voto porque facemos un traballo serio e riguroso e porque a xente acabou sendo consciente de que o único partido que defendía sen condicións os intereses dos veciños eramos nós.No momento no que hai que tocar outras administracións parece que da un pouco de sarpullido e nós non temos problema con iso.

- Levan dous mandatos seguidos con dous concelleiros. Cales son as súas aspiracións nestes comicios? Que cre que cambiou para mellorar os resultados electorais?

- Penso que cambiou como a xente percibe o noso traballo e douse de conta co paso do tempo de que aqueles que nos acusaban de muleta, de socios, ? Déronse de conta de que ao final era pura estratexia e puro fume, e o traballo estaba donde estaba. Ben é certo que nós puidémonos equivocar en moitos casos?

- Por exemplo?

- Cando aprobamos o centro de saúde na Comandancia. Naquel momento nos equivocamos e somos conscientes. Somos capaces de dar un paso atrás e dicir: imos mirar isto con perspectiva. Non estamos liberados e ás veces a premura dos temas lévate a cometer erros.

- Que alternativas propón para o novo centro de saúde?

- Nós demos a posibilidade tamén da expropiación, pero esta semana descubrimos que había un convenio entre a Xunta e o promotor da Finca do Ouro, que é a que está entre Fexdega e a rotonda da Laxe. Había un convenio e haberá que retomalo. É un sitio fantástico, o suficientemente amplo como para ter unha perspectiva de futuro. Non podemos pensar que un centro de saúde nun sitio como Vilagarcía non vai haber que amplialo ou non vai haber que meter outras especialidades. A Comandancia ten o sitio que ten e está limitada.

- Pensa que se queda pequena.

- Efectivamente. E se queremos liberar a fachada marítima non podemos darlle para arriba. Non vai ser a curto prazo pero haberá que retomar ese convenio.

- Fixo alusión á "muleta" que lle atribúen ao BNG desde varios partidos da oposición, que lles definen como "o socio de goberno encuberto" do PSOE de Varela. Que lles diría aos que pensan dese xeito?

- Que poden ver o resultado de catro anos, dos que acusaban precisamente, uns que tiñan un pacto cunha liberación e media e que no seu folleto que entregaron co traballo feito aparecían seis propostas en catro anos, con sete concelleiros e unha liberación e media; e outros que se adicaron tamén en catro anos a facer tonteo co Partido Popular do que antes dicían que nunca chegarían a acordos con el; e por outra banda a facer traballo únicamente demagóxico e populista. Vímolo, por exemplo, no regulamento da praza cando levamos todo o mandato con grupos de traballo e resulta que en catro anos din que non tiveron tempo de reunirse cos praceiros e resulta que non lles vale; coa memoria histórica, cando se propoñen rúas para eliminar e cambiar os nomes?

- Iso está parado por completo, non si?

- Claro, por falta de valentía do goberno, porque llo consinte e porque supostamente os que son da esquerda e que nos acusan a nós, como Esquerda Unida ou Somos Maioría, de que somos a muleta do goberno, resulta que General Yagüe non lles parece unha rúa de primeira para poñerlle a Pando ou a Paratcha. Para nós non hai rúas de primeira ou de segunda. Hai unha necesidade básica e fundamental que é a de eliminar a simboloxía franquista, e é unha prioridade.