José Ramón Abal, de 40 anos, é enxeñeiro químico pola Universidade de Santiago.

-Cal é o seu logro destes catro anos do que está máis orgulloso?

-A capitalidade europea do viño para Cambados foi un momento histórico, inesquecible. E dese traballo chegaron outros logros, como o premio ao Mellor Municipio Enoturístico de España ou a declaración da Festa do Albariño como de Interese Turístico Internacional. A contribución do Concello de Cambados nestes catro anos foi fundamental para que o sector do viño se recuperase da crise.

-Sería reeditable o cuatripartito no próximo mandato?

-O cuatripartito funcionou ben. Houbo dous ou tres desaxustes en catro anos, como en calquera empresa ou organización, pero estes dous últimos anos traballamos cohesionados, sincronizados, e todos os concelleiros acadaron avances nas súas áreas. Pero o que sucedeu en 2015 pode non ter nada que ver co que suceda en 2019. Hai que ser prudentes e respetar a decisión dos veciños.

-Os seus detractores acúsano de ter opinións pouco firmes e de ser moi ambiguo nos asuntos máis controvertidos.

-Na vida política hai que ser moi prudentes e comedidos. Non se poden tomar decisións autoritarias nin prematuras.

-É esa a razón de que tardase tanto en anunciar o peche ao tráfico de Fefiñáns e o seu entorno?

-Aí había un problema de seguridade vial, e fixemos as cousas á nosa maneira, de forma progresiva, gradual. Intentamos buscar amplos consensos, pero sendo conscientes de que non habería unanimidade. E durante os peches de proba detectamos que os veciños de Cambados se posicionaron maioritariamente a favor do peche. Ademais, cumplimos todas as demandas que nos fixeron os hostaleiros desa zona. O peche xa está consolidado, e Cambados gañou un gran espacio para o disfrute dos veciños.

-Por que escolleu Cambados Pode de número 2 da lista electoral á súa propia nai?

-Nós somos unha plataforma de veciños, na que temos cabida todos. Cambados Pode aglutina todas as sensibilidades e é o único partido municipalista. Non dependemos das direccións de ningún partido en Madrid ou Santiago.

-Desenvolverá o Plan de Urbanismo se depende de vostede?

-Impulsarémolo, aínda que nós o que propoñemos é o desenvolvemento de tres plans parciais, na Variante do Salnés, na Pastora e no Breixiño. Son tres bolsas de chan importantes para construir, vertebrar a circulación e gañar zonas verdes.