Víctor Caamaño ten 57 anos e leva 12 como concelleiro. É profesor, e foi director do instituto Francisco Asorey.

-En que cambiou a xestión das áreas que levou o BNG con respecto ás épocas do PP?

-O PP non facía xestión de áreas. Tiraba co día a día. Hoxe as áreas teñen un desenvolvemento e uns obxectivos concretos. Hai áreas que non existiron nunca, como a de ensino, a de normalización lingüística... Creouse un departamento de medio ambiente, e temos por primeira vez un regulamento de participación cidadá nos plenos.

-Vostede foi o máis valente nas críticas a José Ramón Abal. Foi el o único elemento desestabilizador no cuatripartito?

-Os primeiros tres anos foron moi duros polas saídas de tono de varios concelleiros. Nós fomos o único grupo político que pediu a reunión da comisión de seguimento do pacto. Eu creo que o gran valor do BNG foi non só a creación do goberno alternativo ao PP, senón tamén que se mantivese cando ninguén daba un peso polo cuatripartito.

-Como será a primeira Festa do Albariño de Interese Turístico Internacional se depende de vostede?

-Hai que mellorar en aspectos de imaxe da festa, para que non sexa un macrobotellón, senón unha festa para gozar do viño albariño. Temos que intentar que a asistencia de xente estea máis repartida polo casco, para evitar as grandes concentracións humanas en determinados puntos. Hai que gañar horario diurno e facer unha festa para todas as idades.

-Rachouse o ano pasado o equilibrio entre os concertos de música galega e os de estrelas pop de fóra?

-O modelo do ano pasado foi o mesmo que tiveramos en 2017, e daquela tiveramos cheos en todos os concertos, pero é certo que uns grupos atraen máis xente que outros. Nós sempre plantexamos que os concertos do Albariño teñen que ser un escaparate da música e da cultura galega, do mesmo modo que o viño que se enxalza é o noso, non o Rioja. Na próxima edición tamén teremos concertos mediáticos, pero serán de artistas de calidade. Non nos interesa encher por encher nin os que teñen por único mérito saír moito nos medios de comunicación.

-Por que non prosperaron o Consello Escolar e os parroquiais?

-Empezamos varias veces o procedemento do Consello Escolar, pero é unha tramitación administrativa que depende do secretario do Concello, e neste mandato pasaron catro por Cambados. No caso dos consellos parroquiais, nalgúns lugares víronse como órganos de goberno e non son iso. Son órganos de participación, nos que a opinión dunha comisión de festas ten o mesmo peso que o dunha asociación veciñal grande.