Vilagarcía celebrou onte en Carril o Día das Letras Galegas. Alí, ao pe da avenida Rosalía de Castro, eríxese un busto de pedra da escritora padronesa no que cada 17 de maio -e tamén cada 24 de febreiro, día do seu nacemento- réndeselle homenaxe. Foron os rapaces da escola Gato Negro-Malveiras os que se encargaron de pronunciar unhas verbas, intervencións que tiveron que acurtar porque o ceo non pintaba ben. Estaba a punto de caer un novo chuvasco e a profesora dos nenos, Lucía César Veloso -tamén candidata á Alcaldía de Vilagarcía polo BNG-, indicoulles que abreviaran.

E así o fixeron. O acto durou apenas uns minutos e finalizou co tradicional himno galego que entoaron os asistentes, algúns deles puño en alto, como foi o caso de César Veloso e outra xente nacionalista.

A festa ía continuar no local do Gato Negro por mor da choiva, pero como o escenario xa estaba montado na Praza da Liberdade e o mal tempo deu unha tregua, o concerto "Galicia Fermosa" celebrouse finalmente a descuberto. Ao primeiro o público tivo que refuxiarse baixo os toldos das terrazas hostaleiras porque seguían caendo unhas pingas. Mais o ceo despexouse un pouco e a festa puido seguir sen que ninguén se mollase.

O concerto era unha homenaxe a Juan Vidal Lemiña, un músico orixinario de Carril autor de moitas cancións que hoxe en día seguen a formar parte do repertorio popular carrilexo.

O seu fillo, Pablo Vidal, quixo recuperar a memoria do seu pai como compositor e reivindicar a súa autoría en determinados temas. Púxose mans á obra e tivo unha gran colaboración para crear un coro para a ocasión. Así, "Son do Carril" debutou onte na Praza da Liberdade e ao escenario subíronse tamén outros artistas coma o concelleiro e membro da candidatura de En Común Gaspar González Somoza, Clara Pino, Josito Porto, Daisy Bóveda, Sabela Dacal, Rafa Otero ou Xosé Luis Lucio, entre outros moitos.

Os políticos non foron alleos á celebración das Letras Galegas en Carril, pois asistiron de todas as cores. Ademais de Gaspar Somoza e Lucía César, que acudiron pola súa faceta artística, da parte estritamente política estiveron o alcalde, Alberto Varela, e outros edís do seu goberno, así como tamén a candidata por Marea da Vila, María de la O Fernández, e membros da súa lista.