Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A vinculación arousá de Fraguas

O homenaxeado nas Letras Galegas casou en Valga e foi amigo de Asorey

Antonio Fraguas, nunha homenaxe a finais de 1995. // Xoán Álvarez

Nado en 1905 en Cotobade, Fraguas chegou a ser un dos grandes investigadores dos costumes, as tradicións e a xeografía de Galicia. Ao longo da súa traxectoria vital, mantivo contactos fortes con outros galeguistas arousáns, como Francisco Asorey, do que foi amigo, como lembra o editor e escritor do Grove, Antón Mascato.

Sinala que Fraguas e Asorey se trataron moito en Santiago, onde viviron ambos, ata o extremo de que crearon xuntos unha asociación chamada "Amigos da Arte".

Fraguas tiña en estima moi alta a obra do cambadés, e Mascato indica que cando en 1989 o Museo do Pobo Galego organizou unha gran mostra sobre Asorey, sería Fraguas quen escribiu o prólogo do catálogo da exposición.

O mesmo Mascato explica que o homenaxeado este ano nas Letras Galegas tratou tamén moito ao poeta Ramón Cabanillas, e que estivo en varias ocasións nas ofrendas poéticas e florais que os galeguistas lle facían ao cambadés no Paseo da Calzada.

Finalmente, o editor grovense lembra que unha das obras máis coñecidas de Fraguas polo gran público, como foi "Romarías e santuarios", inclúe tres capítulos vencellados ao Salnés: os dos santuarios marianos da Lanzada e da Armenteira, e o do San Bieito de Lores. "Son tres textos que deberían ser de lectura obrigada en todos os centros educativos do val do Salnés neste mes de maio", resalta Mascato.

Mentres, Malores Villanueva, que publicou en Galaxia a obra "Antonio Fraguas. Mestre da memoria", abre outra liña de investigación, como é a da relación do autor de Cotobade coa familia de Fermín Bouza-Brey. Villanueva sinala que Fraguas foi compañeiro de Bacharelato e amigo de Luis Brey Bouza, curmán de Fermín, e fai referencia tamén á presencia de Fraguas en 1932 en Vilagarcía, onde impartiu unha conferencia pública sobre xeografía e folclore galegos que tiña como destinatarios fundamentais os Ultreya, os rapaces da organización xuvenil galeguista que estaban de excursión marítima por Pontevedra, Vigo, Vilagarcía e Noia.

Pola súa parte, a Real Academia Galega e o decano da facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago, Xosé Ramón Pousa, recordan este días que Fraguas escolleu un texto de "Nao senlleira", de Fermín Bouza-Brey, para a primeira emisión da Unión Radio Galega, coa cal se inaugurou a historia da radio en galego en xaneiro de 1933.

Fraguas era daquela un profesor auxiliar na facultade de Filosofía e Letras, de só 27 anos, e elixiu para o programa un texto que nin sequera estaba publicado aínda, posto que "Nao Senlleira" aínda non saíra da imprenta. Máis tarde, cando Fraguas estaba xa na Estrada, coincidiu con Fermín Bouza- Brey, que estaba destinado como xuíz na vila pontevedresa.

Finalmente, Héctor Cajaraville, que publicou en Xerais "O bo mestre, o mestre bo", lembra que Fraguas casou en 1932 na igrexa de Santa María de Xanza cunha veciña de Valga, Teresa Martínez Magariños. Cajaraville tamén pescudou na obra de Fraguas o interese polo Salnés, xa que estudou as figuras de Asorey e de Domingo Fontán -veciño de Portas, que linda con Meis e Vilanova-, e cita os seus abundantes traballos sobre o mundo do mar ou o viño.

Compartir el artículo

stats