Vennos de abandonar Alberto Chaves Gómez, alumno e membro deste corpo que vai e leva, medrando e estendéndose, que é a comunidade do Félix Muriel. E con el, tamén nos deixou súa compañeira María González Vicente. Dunha forma violenta. Como se fora consecuencia dun mandado inapelable, irrevocable. A eles xunto con outros moitos, foilles extirpada a vida. Lembramos a distancia intelixente coa que Alberto seguía a súa formación. Ás veces sen que o profesorado a enxuizara con tino, por non decatármonos de que as xeracións da mocidade que vai indo, deben axustar o seu alento a unha nova realidade. A un paradigma novo respecto do que foi o noso momento, no que aínda non se tiñan esteado as grandes sobreproducións sobre a destrución do mundo.

É o presente dunha realidade que acouta a súa mocidade; a dun mundo global no que inciden grandes intereses e as súas formas de poder; un presente no que estamos todos cada vez máis vinculados nos fluxos da información e de capital, e no que, por iso, se produce a loita por establecer formas de narración dominantes; imaxes, reclamos, consignas e mensaxes estratéxicos que obedecen a unha economía de guerra.Terrorismo

A dor pasa a ser a moeda de cambio nas novas formas do imperialismo. Un tipo de violencia efectiva e indiscriminada para a que hai unha denominación xa recorrente “terrorismo”. Porén, violencia xerada no círculo dunha cultura da morte que precisa de maior poder coercitivo para combater a mesma violencia que alimenta.

Cal é a verdadeira causa desa violencia, da ameaza indiscriminada e da morte, para a que xa non hai distancias xeográficas e que, porén, leva exercéndose como colonialismo e como se non fora con nós? Propoñamos dúas causas: o fundamentalismo e a ignorancia interesada.

Ou son máis ben ao final a mesma cousa? Unha viñeta do Roto ilustra maxistralmente o fundamentalismo de quen se cre posuidor dunha verdade absoluta dende a que xulgar e poder condenar aos demais: Aquel iluminado, quen tendo unha venda que lle tapa totalmente os ollos, exhala abraiado: Ao fin vexo! Outros, máis materialistas, dirán que a verdadeira causa da violencia é a economía, nunha guerra polos recursos que din escasos no planeta.

Estando onde estamos, no noso centro de ensino, deixémonos situar por algunhas preguntas:

  • Por que ao innegable desenvolvemento do coñecemento técno-científico non lle vai ao par un desenvolvemento da conciencia, humanístico, que poda poñerlle medida para unha economía non depredadora?
  • Como constituír as estruturas políticas que deixen ser unha vida que mereza ser vivida?
  • Como saír da ignorancia e dos perigos e dos efectos dun fundamentalismo totalitario que como principio de poder absoluto pode ligarse a un xénero, a un pobo, a unha nación, a unha relixión, a unha casta, a unha clase social ou a un Estado?

Deberemos buscar unha nova verdade dende a que poder por fin velo todo, ou ir conquistando o espazo no que ser cos outros/as, na acción permanente e lúcida dun pensamento que se fai preguntas, nunha cultura do encontro e da non-violencia?

A Alberto, a súa compañeira María, xunto con outros moitos/as usurpáronlle toda opción. A nosa lembranza vai para eles; a nosa condolencia para o seu irmán Adrián e para a súa familia. O noso afán e o noso compromiso debe selo por mudar as condicións que provocan esas mortes evitables, poder saír do círculo da violencia que xera máis violencias. Este é un bo motivo para puxar permanentemente por saír da ignorancia. E poder gañar a distancia desa mirada intelixente que Alberto fixera súa.

  • (*) Manifesto que leeu o mestre Rafael Saco en nome de toda a comunidade educativa do Instituto Félix Muriel (Rianxo), no cal estudou Alberto Chaves Gómez, asasinado en Sri Lanka. Este texto foi lido nun acto celebrado onte no que tamén se gardou un minuto de silencio.