A concelleira de Igualdade do Grove, Noemí Outeda, anuncia a posta en marcha de "Fío e Agulla. Tecendo historias", un proxecto artístico e colaborativo que xira ó redor da figura das mulleres redeiras e mariñeiras e o papel que xogan no tecido social do pobo.

É unha proposta que vai dirixida ós alumnos do IES Monte da Vila e do IES Bizocas que arrinca hoxe mesmo cunha sesión teórica na que a mocidade "coñecerá o traballo de creadores de arte contemporánea do eido local, nacional e internacional, que poden ser referentes e fonte de inspiracións para o traballo a realizar na parte práctica".

Asemade, nesta parte práctica o alumnado "traballará con documentación propia ou allea e material susceptible de ser intervido de xeito artístico, como fotografías antigas, testemuñas de persoas en vídeo, son ou escritas, materiais reciclados como tecidos, papeis ou obxectos, mesmo rede, fíos e entramados".

Este traballo vaise desenvolver ao longo deste mes e do seguinte, "rematando cunha exposición coa que por en valor o noso patrimonio intanxible vinculado á muller e ao mar, recuperando dalgunha forma a historia das redeiras", explica Noemí Outeda.

Tamén sinala que este programa vai ter a súa base "na relación e interacción das novas tecnoloxías coas labores tradicionais".

Para levar adiante "Fío e Agulla" vanse facer obradoiros, guiados por Paula Cabaleiro e Alexandra Rodríguez, ata acadar que os rapaces do pobo acanden un conxunto de vídeos, fotografías, collages, esculturas e outros elementos que completen esta final multidisciplinar na cal a figura da muller redeira, mariñeira e pescadora será a protagonista, rendindo homenaxe deste xeito a "esas grandes traballadoras do mar, aínda hoxe invisibilizadas no seu sector".

A concelleira remata decindo que obxectivo desta proposta é achegar ós mozos "á nosa historia, a través da investigación persoal e a interacción coas persoas maiores, aquelas que teñen moita desa memoria persoal e colectiva que vale a pena rescatar".