O escritor, xornalista e humorista vilagarcián Carlos Meixide acábase de proclamar vencedor coa sua novela Camiño de Paixóns do I Premio de Novela Camiño de Santiago, convocado pola Academia Xacobea que preside o estradense Xesús Palmou en colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Editorial Galaxia, contando có patrocinio da empresa Naturgy.

Ademáis de conseguir unha dotación económica de 6.000 euros, González Meixide verá como a Editorial Galaxia porá á venta a súa novela tanto en galego como en castelán antes do vindeiro verán.

- Curiosamente chegoulle o éxito con Camiño de Paixóns. Paradóxico canto menos.

-A verdade, é curioso polo camiño que escollín eu. E case un camiño de paixón persoal tentar vivir do que me gusta. Apostei pola autoedición e a escrita nun proceso case artesanal. É un camiño longo, traballoso e tamén satisfactorio moitas veces. Pero, cando un organiza o traballo, permite recurrir a premios destas características para marcarte un prazo que che obrigue a ter un texto e poñelo a exame ante os que saben. Neste caso, foi unha sorpresa o ser premiado, pero tamén me saca da miña autoedición e sitúame nunha editorial grande, nos medios... e é moi agradecido. É un respiro, un sopro de ar fresco que sempre vén ben en moitos aspectos.

-¿Qué supón para un autor como vostede un premio desta categoría competindo incluso con rivais alén do Atlántico?

-É unha satisfación moi grande. A miña era a única novela en galego e había aspirantes de toda España, Arxentina e Colombia. O feito de que gañase a miña, e según me dixeron, por méritos literarios, éncheme de ledicia. É o meu primeiro premio literario na Galiza cunha obra en galego. É curioso. Tiven que sair dos xurados non tradicionais para levar este premio. Habitualmente os periodistas, críticos literarios forman os xurados e aquí había xente da política, da empresa... A veces vente de maneira menos prexuizada noutros xurados e neste caso foime ben.

-Ninguén mellor que vostede para presentarnos esta obra galardonada.

-É unha novela de entretemento e diversión, para engancharse á lectura e para que te atrape a trama. Moi do estilo da literatura "Pulp", de consumo popular e con certa tendencia a esaxerar certas cuestións da vida diaria. Unha novela na que o camiño serve de escenario para unha serie de historias singulares que conflúen. Como toda historia que xurde no camiño ten un deixe biográfico detrás que serve para argallar esta trama coas historias que aparecen na novela.

-¿Por certo o seudónimo de Corinna Marx ten algún motivo?

-Gustoume o nome. Como a novela xogaba nesta intención un pouco "Pulp", popular, gustábame esta persoaxe imaxinando que era unha guionista alemá. Ademais ten as mesmas iniciais que eu. Veume á cabeza e é un nome potente. Encantaríame presentar a obra disfrazado de Corinna Marx nalgures.

-Ten unha polifacética capacidade para a arte. ¿Cando comezou a darse conta de que se ía decantar por este camiño?

-Dóuseme pola arte e a creación. É unha pulsión que me acompaña desde pequeno. Sempre me acompañou. Dentro da creación toquei moitos paus e nos últimos tempos funme decantando máis pola escrita e cara o humor. A parte máis escénica, interpretativa ou visual fagoa máis por diversión. A escrita gústame, disfrútame e vou adquirindo oficio. Dediqueime á autoedición, é a onde lle adico o oficio máis tempo, e cada vez estou máis fluído en todo o que leva.