O Belén Artesanal en Movemento de Valga, que pode verse na parroquia de Campaña, sigue recibindo visitas de xente chegada de toda Galicia e doutros puntos de España. Destaca a presencia de nenos e anciáns, xa que cada vez son máis os colexios e residencias que, como poden facer todo tipo de asociacións, reservan visita para estas excursións e achegarse ata esta obra de arte do Nadal. Só se require que concerten a súa visita a traverso dos números de teléfono 986 55 94 56 ou 630 95 25 15, como esta semana que remata fixeron colexios de Valga, Pontecesures e Boiro, amáis de colectivos chegados dende Ferrol, Ames e Vilagarcía.

Na asociación de Amigos do Belén sinalan que primeira das visitas concertadas tivo como protagonistas o pasado luns a cincuenta persoas da Residencia Mixta de Maiores de Ferrol, as cales "non coñecían ata o de agora o Nacemento de Campaña, sendo o primeiro ano que esa residencia organizou esta excursión despois de que a súa animadora sociocultural descubrira o Belén polas redes sociais e decidira levar aos maiores para que gozaran coa súa envergadura e tódolos seus contidos", engade o Concello.

Xa o martes chegaron 56 alumnos de entre 3 e 5 anos de idade pertencentes ó Centro Rural Agrupado de Valga (CRA), integrado polas escolas unitarias de Forno, Ferreirós, Vilarello, Chenlo, Campaña e Xanza.

Parece que "contemplaron abraiados cada unha das figuriñas e esceas do Nacemento", como o fixeron o mércores os cativos da Escola Infantil de Pontecesures e o xoves, medio cento de alumnos e mestres de terceiro e quinto cursos do CEIP Praia Xardín, de Boiro. Tamén era a primeira vez que ese centro organizaba unha visita ao Belén Artesanal, "e fíxoo como parte dun traballo de clase da asignatura de Relixión".

Ese mesmo día chegaron ata Campaña once persoas da Asociación de Discapacitados Intelectuais Arcea, do Milladoiro (Ames), e o venres fixérono os usuarios da Fundación Lar, de Vilagarcía.

Ademáis destas excursións e outras moitas -onte había máis- o Belén Artesanal sigue aberto ó público en xeral -sempre de xeito gratuito- ata o 13 de xaneiro de 17.30 a 20.30 horas, os sábados de 17.00 a 20.30 e os domingos e festivos de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas.