A capacidade do PP para romper os limites da demagoxia cada semana parece non ter fin. Este pasado xoves tivemos pleno, e nel presentamos tres mocións de gran importancia para a nosa veciñanza: unha para apoiar a Esmar na súa loita por conseguir un Punto de Encontro Familiar, outra para instar á Xunta a dispor dunha ambulancia medicalizada para o Salnés, e unha terceira orientada a pedir máis recursos e mellorar a información sobre a endometriose, un mal que afecta o 10% das mulleres. Salomé Peña e o seu equipo votaron a favor das tres. Estupendo. Douvos as gracias.Pero non chega. Non é suficiente con poñer cara de boa persoa e levantar a man. Deixémonos de contos e propaganda. O PP de Galicia aprobou en abril do 2015 a toma de medidas e aumento dos recursos para previr e tratar a endometriose. E dende o momento en que o titular apareceu na prensa, fai mais de tres anos, nada máis se soubo. O PP deulle as costas a miles de mulleres. O PP leva negándose dende o ano 2015 a que O Salnés teña algo tan básico como unha ambulancia medicalizada. Solo no verán se achega unha a Sanxenxo. A Sanxenxo, non ó Salnés. Para atender o turismo de gama alta que nos visita, non ás persoas que vivimos aquí todo o ano. Na última xuntanza da mesa mancomunada da loita contra a violencia de xénero, a representante do goberno autonómico, muller e, según ela, preocupada polos problemas da vítimas de violencia machista, deixounos moi claro que a O Salnés non lle correspondía contar cun Punto de Encontro Familiar e, por si acaso, non buscáramos alternativas.

O PP practica unha liña política nos concellos, e outra oposta no goberno autonómico. Demagóxico e vergoñento. E Salomé Peña préstase a ese xogo que deturpa o funcionamento democrático das institucións convertendo os plenos municipais en escaparates que ocultan estafas políticas: no canto de aliñarse coas ideas do seu partido e negarse a apoiar estas mocións, faise a feminista, pon cara de santa e expresa toda a súa boa vontade e bla bla bla ? unha fachada bonita, pero non tragamos.

Benquerida Salomé, se o teu compromiso coa nosa veciñanza, coas mulleres e coas vítimas de violencia machista é ese que dis, que se note. Levanta a voz o recoñece que, tal soldados rasos, só estades para o que vos manden.