Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Bieito Romero: "Coma outras zonas, A Ribeira Sacra non está preparada para un fluxo de turismo agresivo"

Luar Na Lubre presenta novo traballo este xoves no Auditorio de Vilagarcía (20.30 horas)

Os compoñentes de Luar Na Lubre. No centro, de pé, Bieito Romero. // FdV

Levan máis de trinta anos sobre os escenarios, levando o folk galego por medio mundo. De feito, a día de hoxe máis do 80% dos seus concertos son fóra de Galicia, xa sexa noutras partes do Estado ou no estranxeiro. Luar Na Lubre actuará este xoves no Auditorio de Vilagarcía (20.30 horas, con entradas entre 12 e 18 euros), unha das súas paradas da xira de Ribeira Sacra, un traballo e homenaxe que pretende promocionar a terra de Bieito Romero dende a música para acadar o seu recoñecemento como Patrimonio da Humanidade.

- Con que se vai atopar o público arousán neste concerto?

- En cada traballo sempre hai novidades; este é o 18º. Trátase dun traballo conceptual sobre a Ribeira Sacra e tamén recordaremos temas coñecidos.

- Por que esta homenaxe á Ribeira Sacra?

- Por distintos motivos. Un deles é porque boa parte dos meus antepasados son de Xunqueira de Espadanedo, por parte de miña nai, e de Melón Baixo, en Esgos, pola de meu pai. Había moitas historias que contar e atopámonos cun tesouro inmenso. A Ribeira Sacra está formada por 23 concellos de Lugo e Ourense, pero só nos puidemos centrar na parte ourensá; o patrimonio é tremendo e está moi diversificado. A natureza, os bosques e a vexetación son fantásticos, foxen do monocultivo da costa. Esta zona ten a concentración de mosteiros máis grande de Europa; probablemente algunhas das cantigas atribuidas ao rei Alfonso X se compuxeron nos mosteiros da Ribeira Sacra. Tamén hai que salientar o patrimonio inmaterial, toda a relixión oral, as historias, ... Tamén tratamos o tema dos lumes.

- Comezaron gravar este traballo discográfico en outubro do 2017, xusto en plena vaga.

- Así é. Raquel González Gamello, unha letrista habitual nosa,, fixo "Alento". Agora parece que se está a repetir de novo a vaga de lumes en outubro.

- A que cre que se debe?

- Hai un cambio climático claro. Chegamos a este tempo cunha seca, non de encoros, que están ben, senón de herba, dos nosos montes, que están como están... É fácil que haxa lume por algunha cuestión natural, pero eu diría que no un ou dous por cento dos casos. Os demais son provocados. En Ribeira Sacra tocamos este tema porque cremos que é importante.

-No disco contan con colaboracións coma as de Víctor Manuel, SES, a Coral de Ruada, Nani García ou Brais Maceiras, entre outros artistas. E tamén recollen son naturais e testemuñas que enriqueceron este traballo musical. Como van suplir no escenario, en directo, estes atractivos?

- Os discos nunca se van ao cen por cento coma no estudo, os directos cambian. En concertos sumamente especiais, coma o de Ourense, temos convidados. De feito viñeron casi todos. Pero nesta xira levamos vinte ou trinta concertos por todo o Estado e polo estranxeiro. Queremos, dende a nosa perspectiva, dar a nosa visión. Algúns dos temas importarán sons, como campás ou o son dun amencer, pero iso é o de menos, o máis importante é a música e dar a coñecer a Ribeira Sacra.

- É unha forma novidosa de promocionar un territorio, dende a música.

-Si. É a primeira vez que se fai un disco destas características para potenciar e difundir a Ribeira Sacra. Non é a visión tópica dun folleto turístico, senon que é diferente.

- Está suficientemente divulgada a Ribeira Sacra?

- Non, pero como outras comarcas de Galicia, que ao mellor non están preparadas para soportar un fluxo de turismo agresivo. Trátase de sensibilizar de cara a lograr que sexa Patrimonio da Humanidade. É unha maneira de tratar mellor esta zona, que non está abandonada, pero si necesita un empuxón para rehabilitarse. Quero destacar a implicación dos meus compañeiros, porque ainda que eu nacín na Coruña, toda a miña infancia, os veráns e nas vacacións, paseinos alí.

- Levan trinta anos sobre os escenarios. O público cambiaría moito neste tempo...

- Temos un público moi variado e heteroxéneo, dende nenos ata xente maior. Casi o 80% dos concertos os facemos fóra de Galicia e estamos enchendo teatros importantes, e a xente paga por virnos a ver.

- Cal é o segredo de que a banda siga tan viva logo deste tempo?

- Non hai ningún segredo. Os segredos están nas pócimas e non as bebemos. Temos un equilibrio interno que funciona ben e a xente apaixónase coa nosa música. Detrás hai moito traballo e tenacidade. Penso que podo atreverme a dicir que somos o grupo galego con máis saídas ao mundo, e si non o somos, case case.

Compartir el artículo

stats