Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un camiño dentro do cadro de Menchu Lamas

A súa obra está exposta no Pazo de Torrado, referente cultural de Cambados

Unha visita á mostra de Menchu Lamas, en Cambados. // Iñaki Abella

Dende hai uns cantos anos temos a sorte de contar cun espazo expositivo en Cambados no cal poder gozar do máis destacado da arte galega. O Pazo Torrado estase a converter nun referente cultural en toda Galicia, e o feito de que artistas de primeiro nivel acepten expoñer nas súas salas sen dubidalo, ven a refutar este feito.

A última en facelo, e cuxa obra aínda podemos ver nas salas do pazo, é a viguesa Menchu Lamas. Integrante do grupo Atlántica nos anos oitenta, a súa obra pictórica é unha parte importante da historia da arte galega durante as últimas décadas.

O gran formato dos seus cadros concorda co traballo dos mestres do expresionismo abstracto, o mesmo que esa intencionalidade por parte da artista de introducirnos neles. Fitar ante unha pintura de Menchu Lamas supón viaxar ao interior dela, camiñar entre as súas cores deleitándose coa mestura da pincelada, no seu cromatismo diluído en aparencia, para decatarnos ao achegarnos da súa independencia cromática.

E facelo nas salas do Pazo Torrado permite achegarse dunha maneira íntima a estes cadros, deixándonos hipnotizar polas liñas rectas dos seus labirintos, enreixados e enladrillados, ou polas curvas dos seus círculos e espirais.

A estes insinuantes fondos superponse todo o seu bestiario de figuras orgánicas e xeométricas, esquematizadas, buscando a súa abstracción, como desexando atopar o arquetipo que as define: son símbolos que aparecen na súa obra como rexurdidos do inconsciente colectivo que nos une de xeito permanente.

Vieiros da cor, título da exposición de Menchu Lamas, é unha experiencia sensorial e sensitiva que ninguén debería perderse, e que continuará aberta ao público ata o venres 23, no Pazo Torrado.

Compartir el artículo

stats