Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A Arousa convértese en circuíto para as dornas

A Volta á Illa é a regata máis mítica da navegación tradicional en Galicia e cumpre este ano a súa XXXIV edición

Varias dornas navegan entre A Illa e O Terrón na tradicional Volta á Arousa. // Noé Parga

A Volta á Arousa festexa o vindeiro sábado a súa XXXIV edición, 34 anos nos que se conseguiu o obxectivo co que naceu, o de evitar que desaparecese unha maneira tradicional de navegar, e sobre todo, que a dorna, a embarcación por excelencia dos mariñeiros das Rías Baixas, non acabase desaparecendo por mor da modernidade. Cada verán, esta proba é a máis agardada pola flota tradicional, xa que é unha das máis atractivas, pero ao mesmo tempo, das máis duras nas que se pode participar.

Nela pódense vivir momentos de encalmada ata ventos fortes nos que a navegación se volve complicada, todo iso na mesma edición. A proba saíra da praia da Canteira, no entorno do Bao, onde as corenta embarcacións participantes se concentrarán para agardar a que se concrete a saída. Cando soe o bucina que anuncie a saída, todas elas levantarán as velas de relinga para navegar, previsiblemente cara o norte (vento que se agarda que haxa nesa xornada), virar a punta do Furado e comezar a percorrer todo o litoral da Illa.

Salvador Allo, presidente da asociación cultural e deportiva Dorna, recoñece que a Volta á Arousa ten un importante misticismo ca que "nela podes pasar de podrén a patrón, unha vez que se consegue rematala, pois pódese converter nunha odisea polas condicións meteorolóxicas que te vas topando a medida que avanzas". Ademais, un dos factores importantes é que durante todo o traxecto, as embarcacións atópanse con cambios de mareas moi sustanciais, sobre todo ao pasaren por lugares como a Punta do Campelo, o Galiñeiro ou a propia ponte da Illa.

O gran obxectivo do resto de embarcacións será superar á "Nécora", dorna que acumula máis victorias nesta proba, superando o pasado ano á "Jalerna", que ao igual que o ano pasado, estará entre as favoritas para facerse co trunfo final, xunto a "Pereka" ou "Cariñosa", que tamén saben o que é completar este longo percorrido na primeria posición, saboreando os meles da victoria. A "Nécora" tamén ten no seu haber ser a dorna que completou a proba no menor tempo, un fito acadado o ano pasado, ao darlle a volta á Arousa nun tempo de dúas horas e 27 minutos, rebaixando en catro minutos unha marca que xa posuía a dorna na que acostuman a navegar Braulio García e Manuel Dios.

Sen embargo, Allo non dubida en sinalar que "o importante non é gañar a proba, para nós é moito máis importante acabala, sobre todo se é a primeira vez que participas, porque é unha viaxe na que te fas a ti mesmo como mariñeiro".

En principio, as previsións apuntan a que soprarán ventos do nordés moi favorables á navegación, aínda que na Volta á Arousa "nunca se sabe o que pode pasar, porque temos tido edicións nas que houbo encalmadas e despois levantáronse ventos moi fortes".

A proba sairá da Canteira ás 16.00 horas, dándose por rematada ás 20.00. Aquelas dornas que non chegasen ata a liña de meta nese tempo, serán recollidas polo servizo de seguridade, que estará integrado por varias barcos bateeiros e por planeadoras.

Compartir el artículo

stats