Os Bolechas en persoa serán os encargados de inaugurar mañan a exposición sobre o galego que permanecerá nunha carpa instalada na praza da II República de Vilagarcía, onde poderá visitarse ata o 26 de xuño. Á inauguración, que está prevista para as 12 horas, están convidados representantes de todos os concellos do Salnés, e contará tamén coa presenza de representantes da Editorial Bolanda, e do deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal.

'Gatiños, Ghatiñas, Gatíos. Xeitos de falarmos galego' propón un percorrido participativo pola riqueza do idioma galego ao longo e ancho do país, con actividades e xogos que introducen á rapazada no universo Bolechas. A mostra, ademais de participativa e didáctica, tamén é inclusiva e multisensorial atendendo ás necesidades de todo tipo de persoas, incluso as que teñan algún tipo de dificultade ou discapacidade. Para iso, propón un itinerario dividido en varios espazos que convidan á experimentación e á diversión, con xogos, paneis interactivos, zonas táctiles e áreas multisensoriais de luces e cores para estimular a aprendizaxe, e unha aula-auditorio para visualizar aventuras dos Bolechas e participar de viva voz no concurso que propoñen os audiovisuais.

Ademais a mostra contempla materiais de apoio e complementarios, como son as unidades didácticas deseñadas ad hoc a modo de caderno de actividades, que complementan e serven de repaso de todo o visto e vivido no percorrido expositivo. Inclúe tamén un libro aventura protagonizado polos Bolechas sobre as variedades dialectais do galego.