Carril foi o lugar elixido polo Concello de Vilagarcía para festexar o Día das Letras Galegas. Alí, aos pés do mar e da illa de Cortegada concentrouse toda a actividade en homenaxe a María Victoria Moreno, e tamén a Rosalía de Castro, escritora que conta cun busto en terras carrilexas, nas que pasou os seus últimos días antes de morrer, pois quería ver o mar.

Foi precisamente nese busto, situado na avenida que leva o seu nome, onde nenos e maiores adicaron unha ofrenda floral a Rosalía. Vestidos con traxes de baile tradicional galego, os rapaces leron varios poemas ante numeroso público.

O grupo de gaitas Malveiras encargouse de ambientar as rúas, para logo dar paso á actuación que protagonizaron os alumnos da Escola Baile e Pandeireta desta asociación, a cal conta coa colaboración do Gato Negro. A edil do BNG e veciña de Bamio Lucía César Veloso é a profesora dos cativos.

A rondalla do Gato non faltou nas actuacións artísticas co gallo das Letras Galegas. Despois da súa posta en escea, a actividade trasladouse aos xardíns de Rosalía de Castro para celebrar a citada ofrenda floral, á que asistiron varios membros do goberno vilagarcián, incluido o alcalde, e tamén da oposición.

A festa da lingua galega transcorreu nun bo ambiente e cunhas condicións meteorolóxicas inmellorables, pois a brisa do mar axudaba a mermar a sensación de calor ás horas centrais do día.

Como colofón a unha concurrida sesión vermú en Carril, tivo lugar o concerto de Davide Salvado e Pedro Pascual, cunha actuación en directo de gran calidade que agradou a unha Praza da Liberdade ateigada de xente. Tamén houbo un pincho no local do Gato Negro.

A programación do Concello de Vilagarcía con motivo das Letras Galegas remata o próximo luns 28 de maio coa obra de teatro "Leonardo e os fontaneiros" a cargo de Ubú Teatro. As funcións están dirixidas aos alumnos dos institutos de Vilagarcía.

Trátase dunha adaptación teatral que conducirá aos estudantes ao universo do Antón de María Victoria Moreno a través de flashbacks. Será no Auditorio municipal.