O Premio Ramón Cabanillas irá este ano a parar á neta do ilustre cambadés. Trátase de Aurora Vidal Cabanillas, máis coñecida como Pitusa Cabanillas. Este galardón outórgase cada ano na data de nacemento do poeta, o 3 de xuño, pero como nesta ocasión coincide en domingo, o acto adiantarase un día para ter lugar o 2 de xuño no Auditorio da Xuventude a partires das oito da tarde.

O Ramón Cabanillas é un premio que outorgan os libreiros da Cambados a persoas que traballan no fomento da figura e da obra do poeta cambadés, así coma no esforzo para que o seu legado permaneza xeración tras xeración. Fai uns anos o Concello decidiu sumarse a este recoñecemento.

Pitusa Cabanillas participou onte na ofrenda floral ao seu avó celebrada no Paseo da Calzada. Foi a representante da súa familia para adicarlle a ofrenda floral ao seu antepasado.