O escenario do Auditorio Municipal da Illa de Arousa vivirá mañá unha xornada difícil de esquecer, a presentación ante o público dunha sociedade que promete ser moi fructífera, a que forman os actores Carlos Blanco e Xosé Antonio Touriñán. Esta sociedade víñase madurando desde facía tempo no maxín de Carlos Blanco, un actor que adoita buscar a fórmula de traballar con aquelas persoas ás que admira. Touriñán era unha delas, mais non houbo ocasión de xestala ata que os dous coincidiron nunha serie que se está a converter nun fenómeno social, "Fariña", de Bambú Producións para Antenatres Media.

Foi aí cando os dous comezaron a perfilar a sociedade da que saíu "Somos criminais", unha visión moi particular dalgúns crimes ocorridos no país aos que Blanco e Touriñán darán unha visión moi particular.

Aínda non se estreara na pequena pantalla a serie na que se xestou a colaboración cando o espectáculo "Somos criminais" xa vendera 25.000 billetes para as diferentes funcións que os van a levar a percorrer gran parte da xeografía galega nos vindeiros meses. Carlos Blanco recoñece que "o espectáculo, no que colaboraron un bo feixe de persoas para darlle forma desde a direción ata á iluminación ou o guion, vai ser un pouco diferente ao que está acostumado o público; si vai ser humorístico, pero vai ser teatro, lonxe dos monólogos que adoitamos a empregar os dous". Blanco non dubida en asegurar que "creo que lles imos sorprender porque se trata de algo moi orixinal".

A estrea para o público será na Illa, lugar de refuxio onde acudiron os dous para dar as últimas puntadas ao espectáculo, pero durante tres meses "ensaiamos en territorio Touriñán, na Coruña, onde estivemos traballando o texto e as diferentes esceas; á Illa viñemos na última parte de preparación porque é un lugar onde nos sentimos moi cómodos para ensaiar, é un punto que funciona moi ben antes da saír ao escenario".

Sobre a serie "Fariña", na que participan os dous actores, Blanco considera que "non só se está convertendo nun fenómeno social, senón que é o recoñecemento ao audiovisual deste país a nivel nacional, algo que ocorrera en Galicia con Mareas Vivas no seu momento; iso nótalo cando vas a Madrid e os compañeiros de profesión te felicitan polo traballo".

Os dous actores subiranse ao escenario de A Illa mañá, Venres Santo, a partires das 20.30 horas, e o sábado farán unha doble representación. A primeira delas será ás 20.30 horas e a segunda a partires das 22.30. As entradas están totalmente esgotadas.