Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

IN MEMÓRIAM

Memoria de Paco Lores, o valedor da emigración

Francisco Lores Mascato (O Grove, 1934-Bos Aires, 2017) é xa un símbolo da emigración galega en terras americanas

Lores lendo "Sempre en Galiza", na Federación de Asociacións Galegas de Argentina. // Arquivo Familiar

Francisco Lores Mascato (O Grove, 1934-Bos Aires, 2017), Paco Paghanini, é xa un símbolo da emigración galega en terras americanas. Dende que o trasatlántico Entre Ríos que o levara en 1952 dende o porto de Vigo ata o río da Prata, atracou en Bos Aires entregouse á causa da Galicia emigrada; primeiro na Unión de Fillos do Grove, da que pronto foi un destacado directivo. Nesta sociedade tomada polos agraristas anticaciquís e logo polos republicanos exilados encargóuse das iniciativas culturais promovendo a recadación de fondos para o monumento a Jacobo Otero Goday, ou pagando as viaxes de Manuel Lueiro para dar conferencias e colaborando na edición das súas obras de imposible publicación na Galicia do interior. Antifranquista activo, militou pronto no Partido Comunista do que se foi afastando co devalar dos movementos maoístas de liberación nacional das nacións colonizadas no continente africano; implicándose nos movementos antifascistas de América latina, nomeadamente nas loitas contra as ditaduras militares de Perón, Videla e Stroessner; fundador da Unión do Pobo Galego en Bos Aires, e destacado militante do primeiro BNG, do que tamén se irá afastando pola deriva desta organización no apoio á redución do dereito de voto da colectividade emigrada. Participou tamén das reivindicacións de xustiza para os militares das ditaduras arxentina e uruguaia, e moi concretamente no movemento das Nais de Praza de Maio,ás que deu apoio e loxística para reunírense. Directivo da Federación de Residentes españois na Arxentina; e da Federación de Asociacións Galegas de Arxentina e do Museo da Emigración Galega no mesmo país, destas dúas chegaría a ser o seu presidente.

Son coñecidas as tirapuxas reivindicativas coas máis altas autoridades ás que accedía, sen pedir permiso, sen temores, dende o rei de España, aos presidentes do Goberno Felipe González ou José María Aznar, quizáis menos as que mantivo cos delegados do Goberno galego na Arxentina, como Fernando Amarelo de Castro. Poñendo por diante, na punta do aguillón, as reclamacións dos dereitos e as demandas sociais e económicas da importantísima colonia emigarada. Coherente, radical e hiperactivo, mais dotado dunha notoria capacidade para a dialéctica usada á maneira de fervenza argumental, propia de quen cre no que expresa e non arría a estacha ata amarrar a nave ao seu porto. Forxado no traballo da mecánica naval, era dono dunha industria metalúrxica que lle deu benestar e lle ocasionou tentativas de secuestro das que saíu ferido varias veces.

Obsesionado coa urxencia e importancia de poñer en salvagarda os fondos documentais, hemeroteca, pinacoteca, bibliotecas, en xeral o enorme patrimonio que a colectividade galega da emigración fora xuntando ao longo dos anos finais do século XIX e durante todo o XX; defendía, teimudo, unha idea que ao cabo virou nunha lúcida realidade. Podo explicalo cun exmplo, cando en 2001 viaxei a Bos Aires por traballo, organizoume unha xira na que el prefixara un obxectivo do que non me deu razón ata a despedida no aeroporto; o Goberno arxentino, cadrando co inicio do corrallito e a precariedade que xa era evidente optaba por recadar metendo a man no patrimonio da xente; Carlos Menem promovía unha Lei pola que as sociedades que non presentaran a memoria de actividades dous anos consecutivos eran intervidas, incautadas, perdendo calquera dereito sobre o seu patrimonio, fose mobiliario, inmobiliario ou documental. Fíxome ver a enorme importancia do labor (des)comunal que ergueran as fillas e os fillos da Galicia emigrante: o impresionante Centro Galego, co seu Hospital e Centro Social; o Colexio Santiago Apóstolo, onde se impartía lingua, literatura e cultura galegas; e a sede da Federación das Sociedades de Arxentina, onde se detivo a amosarme o departamento da Unión de Fillos do Grove. Pretendeu dende moito antes daquelas datas que todo aquel valor simbólico e real non se perdese, e non fose usurpado polo Estado. Esa foi a súa angueira, ese era o seu labor, en cada viaxe a Galicia visitaba en Santiago a quen consideraba que podía empurrar nese sentido, moi concretamente a sede da Xunta de Galicia e do Consello da Cultura Galega.

Melómano dende que na súa infancia fóille adxudicado o alcume de Paghaniní, pola lectura na escola e con gheada do apelido do compositor italiano Niccolò Paganini; concertoume unha cita, na cafetería dun hotel en Corrientes, co fillo xa idoso do importantísimo compositor galego Andrés Gaos (A Coruña, 1874-Bos Aires, 1959), que se presentou cunha caixa de cartón vello no que gardaba as bobinas Revox de gravacións orquestais con obras de seu pai, feitas moitos anos antes na cidade de Bos Aires e inéditas algunhas delas. O fillo de Gaos, logo de preguntarme polo funcionamento, características e recursos do Arquivo Sonoro do Consello da Cultura Galega, do que eu era membro, entregoume aquel tesouro fonográfico agradecéndome o interese de Galicia por conservar a obra imensa de seu pai. Aquela recuperación non era mérito do Consello da Cultura, de Carlos Casares o seu Presidente, nin de Cristina Pujales, a eficiente responsable do Arquivo á que lle entreguei aquel valioso material ao regreso, nin meu; aquela era unha das moitas iniciativas persoais, descoñecidas, de Paco Lores, Paghaniní, a súa maneira de estar no lado da sensibilidade cultural e patrimonial. Non é o lugar para explicar en pormenor que boa parte da recuperación documental do Arquivo da Emigración que o Consello da Cultura comezou a desenvolver na primeira década dos anos 2000 tivo en Paco Lores a un activísimo colaborador e guía necesario para que toda procura resultara moito máis doada.

Trasladou á súa filla Lorena Lores, o gusto pola música, recitoulle poemas de Rosalía, léulle a Castelao, faloulle na lingua do país, cantoulle as vellas cantigas de berce, que aprendía mentres ía medrando e afacéndose a aquela música que fixo dela, tanto que sendo unha impresionante cantora de tango, e excelsa danzarina, con toda a cadencia harmónica da Pampa, foi quen de interpretar o Negra Sombra, por citar só unha, sen que apareza o acento porteño por ningures. Vaia para ela, que cumpríu coa consigna de retornar á terra da familia facendo o camiño de volta do seu vello, o noso sentimento de pena pola perda, e a promesa de que imos repetir o tango, nocturno por suposto, que nos fixo bailar naquela churrascaría bonaerense.

Foi amigo e frecuentou as tertulias dos principais protagonistas da Galicia do exilio arxentino, Arturo Cuadrado, Luís Seoane, Díaz Pardo, Lorenzo Varela, Blanco Amor? aos que axudou en moitas iniciativas e aos que homenaxeou en múltiples oportunidades. A falta de recoñecementos institucionais, nese Grove tan dado a homenaxear alleos esquécendose dos seus fillos (Xoán Fuentes Castro, Luís Rei, Xohana Torres, Xoán Francisco González Millán?) a gaita de Pedro Magariños, dende o curuto da Siradella ao son do Himno do Antigo Reino de Galicia e o repenique das xentes de nós que o quixeron ben conseguirá que a súa memoria se prolongue dende Chacarita ata Confín, mar longo entre as dúas beiras.

Compartir el artículo

stats