Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

De "podrén" a patrón en máis de tres horas

A Volta á Arousa alcanza a súa XXXIII edición con 45 dornas participantes

A Volta á Arousa é a proba máis lonxeva da navegación tradicional. // Noé Parga

A Volta á Arousa é a regata máis mítica da navegación tradicional, porque foi a primeira que se celebrou e a que abriría o camiño, hai xa 33 anos, á recuperación das embarcacións tradicionais, particularmente as dornas, que se atopaban en proceso de desaparición. Pero a proba ten un fondo mítico, xa que nela, como explica o presidente de Dorna, Salvador Allo, "un pasa de podrén a patrón cando consegue rematala; é unha auténtica odisea porque durante a navegación podes topar todo tipo de condicións meteorolóxicas, ademais de pasar por cambios de marea moi importantes, como son os do Campelo, Galiñeiro e Ponte". Este sábado, a partir das 16 horas, a participación será de 45 embarcacións procedentes das rías de Arousa, Pontevedra e Vigo, aínda que as grandes favoritas, que loitan por alcanzar o récord de vitorias son a "Jalerna" e a "Nécora". De todas formas, Allo insiste en que "o importante non é gañala, senón acabala, é unha proba na que te fas a ti mesmo, que este ano vai coincidir con mareas vivas".

En principio, as previsións meteorolóxicas apuntan a que soprarán ventos do nordés, con forza de entre oito e dez nudos, e que as condicións meteorolóxicas baixo as que se vai desenvolver a proba van acompañar, aínda que "na Volta á Arousa nunca se sabe o que pode pasar, porque temos tido edicións nas que houbo encalmadas e despois se levantaron ventos moi fortes".

Unha das cuestións que máis se vai ter en conta é a seguridade, que contará con seis lanchas de apoio e dous barcos bateeiros para remolcar a aqueles que se vaian quedando atrás ou, pola razón que sexa, se vexan obrigados a abandonar. Durante anos, a regata celebrouse no mes de agosto, pero Dorna decidíu modificar as datas e facela en xuño, xa que coincide "co período de luz diurna máis amplo, o que dá maior seguridade aos participantes".

No evento, un dos máis importantes da navegación no interior da ría de Arousa colaboran a Deputación o Concello e a Fundación Deportiva á que financian as entidades Mexilloeiros Illa e a Confraría. A organización da proba corre a cargo da sección de Navegación Tradicional de Dorna e de Culturmar, a federación na que están incluidas todas as entidades adicadas á recuperación do patrimonio marítimo galego.

Compartir el artículo

stats