Trinta anos despois de traballar na edición de "Na noite estrelecida", Xosé Ramón Pena alzouse co Premio Ramón Cabanillas que conceden o Concello de Cambados e dúas librarías da vila do albariño. O catedrático en Lingua e Literatura Galega admitiu onte no Auditorio da Xuventude que naquela época "dificilmente podería imaxinar que estivese recibindo este premio", entrando así a formar parte "dunha nómina de persoeiros de altura". "É unha honra enorme, extraordinaria", agradeceu.

Emocionado, o colaborador de FARO DE VIGO adicou o galardón ás persoas, xa finadas, que o puxeron en contacto coa obra de Cabanillas. Foron o seu "pai espiritual" e profesor de Universidade nos anos setenta, Ricardo Carballo, e Luis Mariño, o director de Edicións Xerais que lle permitiu sacar adiante "Poesía galega completa de R. Cabanillas" xunto con Xosé María Dobarro, con quen Pena quixo compartir o recoñecemento que lle brindou o pobo cambadés, un lugar "ao que me apetece vir por calquera motivo", dixo o betanceiro.

Logo de recibir un busto de Cabanillas esculpido por Eduardo Baamonde e outros agasallos, Xosé Ramón Pena quixo finalizar a súa intervención recitando uns versos do bardo cambadés con motivo do centenario de "Da terra asoballada": "Berremos alto e forte: A terra é nosa!", proclamou nun auditorio que, aínda que non cheo nin moito menos ("competimos coa Champions", recordou o concelleiro de Cultura), si estivo entregado.

Entre o público non faltaron familiares de Cabanillas como a súa neta Pitusa; a alcaldesa, Fátima Abal; o edil de Cultura, Víctor Caamaño; a deputada do BNG, Montserrat Prado; ou o profesor Duarte Correa, entre outros.

Tamén asistiron os galardoados na anterior edición, Xoán Silva e Blas, que interpretaron ao son das súas guitarras tres pezas con versos de Cabanillas.

A gala da décimo cuarta edición do Premio Ramón Cabanillas celebrouse onte para coincidir coa data de nacemento do autor. Para a conmemoración da súa morte, no mes de novembro, o concelleiro de Cultura anunciou sobre o escenario do Auditorio da Xuventude a inauguración do roteiro Ramón Cabanillas, que contará con 26 puntos de interese e servirá para difundir a obra e vida do poeta e tamén como reclamo turístico.

Legado en Exposalnés

O nacionalista Víctor Caamaño tamén manifestou que no ano 2018 "esperemos que o legado de Cabanillas estea na primeira planta de Exposalnés".

En relación ao homenaxeado, Xosé Ramón Pena, o concelleiro recalcou que é merecedor do galardón polo seu estudio especializado sobre a obra de Cabanillas. Así, editou "Na noite estrelecida "(1987), "Da Terra asoballada" (1994) ou "No desterro" (2010).

Á parte de Pena, tamén recitaron poemas de Cabanillas Manolita Hermida, Rosa Fiel e Manolo Núñez para dar o pistoletazo de saída ao acto, sempre coas mans de Sofía Maquieira ao piano, desprendendo unhas melodías moi agradables para o oído.