Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Día das Letras Galegas

Vilagarcía, xérmolo literario de Casares

O autor homenaxeado no Día das Letras galegas participou nun certame de poesía con motivo dos Xogos Florais de 1963, con Álvaro Cunqueiro no xurado

Carlos Casares, na adolescencia, gañara xa en Ourense un concurso provincial de relatos breves en 1959. Nesa ocasión coñeceu a Vicente Risco, presidente do xurado, con quen mantería despois unha especial relación. Unha vez en Santiago de Compostela, a onde chegou en 1961 para estudar a carreira de Filosofía e Letras, Casares recibiría unha distinción nas chamadas Festas Minervais, prestixioso concurso de carácter universitario. Compoñían o xurado daquela Ricardo Carballo Calero, Manuel Rabanal Álvarez e Raimundo García Domínguez. A Casares correspondeulle o terceiro premio, quedando por detrás doutros nomes posteriormente bastante relevantes da poesía galega, como Arcadio López Casanova e Salvador García Bodaño. Baixo o lema "Cádavos", Casares concorrera ás Festas Minervais cunha triloxía de pezas titulada "Poemas de lembranza".

Con respecto aos Xogos Florais que tiveron lugar Vilagarcía en agosto de 1963, cómpre sinalar que estes foron concibidos por José Luis Sánchez-Agostino, en honra do poeta local Ramón García Lago, dentro do programa das festas patronais de San Roque dese ano. Nado en Puerto Rico e falecido en 1950, García Lago ocupara a alcaldía de Vilagarcía en plena Guerra Civil e durante os primeiros meses da ditadura franquista. Os seus versos, de inspiración netamente modernista, acostumaban a caracterizarse por un ton ampuloso e recargado. Por exemplo, nunha poesía sobre Lobeira bautizaba o monte como "prócer león rampante".

No programa das festas de San Roque de 1963 recollíase que a celebración dos primeiros "Juegos Florales García Lago" tería lugar o 7 de agosto no Teatro Cervantes. Esta emblemática edificación, destruída anos despois por un pavoroso incendio, estaba situada no tramo final da rúa Castelao. No mesmo programa de festas indicábase que no transcurso do evento sería proclamada raíña de San Roque a señorita María Jesús García Díez, pronunciando o escritor Xosé María Álvarez Blázquez seguidamente o pregón e actuando Álvaro Cunqueiro en calidade de mantedor do acto. Engadíase que, ao final, se daría a coñecer, "con carácter de estreno", un Himno a Vilagarcía interpretado pola Banda del Patronato Local, acompañada da Coral Polifónica de Vilaxoán.

O xurado que valorou as poesías presentadas aos Xogos Florais estaba integrado por Isidoro Millán González-Pardo, Xosé María Álvarez Blázquez e Máximo Sar. Conforme xa dixemos, Casares alzouse co primeiro premio na modalidade de creación en lingua galega, dotado con 3.000 pesetas. Baixo o lema "Tempo", remitira unha composición titulada "Tempo da dor e da esperanza". En segundo lugar acabou o avogado e poeta vilagarcián Luís Bouza-Brey, de máis idade, irmán do escritor Fermín Bouza-Brey, co poema "Anada na ría". Por outra banda, na modalidade de creación en lingua castelá o primeiro premio foi para Lalo Vázquez Gil, quen máis tarde se convertería en cronista oficial de Vigo. O segundo premio concedeuse, á súa vez, ao xornalista e escritor coruñés Manuel Álvarez Torneiro.

Para Casares, que estaba a dar entón os seus primeiros pasos no ámbito da literatura, a distinción obtida en Vilagarcía polo seu labor poético supuxo sen dúbida un significativo acontecemento. Así se verifica doadamente grazas a algunhas cartas que cruzaba naquelas datas con Ramón Piñeiro, ao que comezara a tratar ao pouco da súa chegada, dous anos antes, a Santiago de Compostela. Nunha misiva do 2 de agosto de 1963, Casares comentáballe a boa nova do galardón que lle adxudicaran: "Xa saberá pola prensa que me deron o primeiro premio e a Flor Natural nos Xogos Florais de Vilagarcía. O día 7 irei recoller o premio".

Piñeiro debeulle responder axiña trasladándolle os parabéns polo seu triunfo. En efecto, Casares facíalle chegar unha nova carta a Piñeiro o 5 de agosto. Nela dáballe as grazas polo seu xesto de cortesía e salientaba que se sentía abondo satisfeito porque coidaba que o premio que viña de conseguir era un éxito que realmente había que atribuír á xuventude galega. Velaquí as palabras que lle enviaba a Piñeiro: "Hoxe recibín a súa carta de felicitación. Ben sabe canto a agradezo. Recibo o trunfo en canto supón un trunfo da mocidade". Casares expresaba a continuación a súa satisfacción porque Cunqueiro colaborase no certame. Manifestaba que se tiña por un incondicional seguidor da produción literaria do escritor de Mondoñedo: "Alegreime moito ao saber que Cunqueiro é o mantedor. Sinto unha grande admiración por el".

Naturalmente, Casares sería un dos protagonistas máis importantes na cerimonia de entrega de recompensas dos Xogos Florais, con moita pompa realizada, como xa apuntamos, no Teatro Cervantes o 7 de agosto de 1963. Previamente, unha nutrida comitiva, na que figuraban os concursantes premiados e outras personalidades, encabezada por Cunqueiro dándolle o brazo á raíña das festas, partira da casa consistorial. Con destino ao devandito Teatro Cervantes, a comitiva pasaría pola praza Ravella, a rúa Arapiles, a rúa Padre Feixoo, a praza de Galicia e a rúa Castelao.

A incipiente traxectoria de Casares no eido das letras proseguiu no mesmo ano 1963, aínda dentro do xénero poético, coa publicación no primeiro número da histórica revista Grial, promovida pola editorial Galaxia, do poema "Verbas de esperanza para Rosalía". Agora ben, a carreira de Casares inclinaríase pouco despois cara á narrativa, de xeito pouco menos que definitivo, coa aparición de catro relatos nas páxinas da mesma revista Grial. No número 7 desta publicación periódica, que viu a luz no ano 1965, incluíanse, baixo o rótulo común "Narracións", as historias "Cando cheguen as chuvias", "Agarda longa ó sol", "Monólogo" e "Diante do retrato". Xunto con outros contos inéditos, algunhas delas pasaron a Vento ferido, primeiro libro editado de Casares, que saíu do prelo en 1967.

Aínda publicaría Casares na revista Grial, no ano 1966, dous novos poemas, "Roula, muíño triste" e "Amemos", este último dedicado á escritora Xohana Torres. Non obstante, logo de Vento ferido, que concitou unha notable acollida, Casares entregaríase totalmente ao cultivo da narración, como o proban, nos inmediatos anos seguintes, as novelas Cambio en tres (1969) e Xoguetes para un tempo prohibido (1974).

Pareceunos interesante evocar este capítulo da biografía de Casares con Vilagarcía como escenario. É de imaxinar que o escritor ourensán debía de gardar na súa memoria un recordo grato desta experiencia, sobre todo porque foi un dos primeiros recoñecementos públicos que mereceu o seu quefacer como creador literario.

*Profesor Universidad de Vigo

Compartir el artículo

stats