A desaparición do servicio militar obrigatorio, a "mili", foi un dos cambios sociais máis relevantes dos comezos de século en España. E, sen embargo, a penas existen libros de historia ou traballos de investigación sociolóxica sobre ese proceso, e a intensa loita levada a cabo dende uns anos antes polos obxectores de conciencia e os insubmisos. Así se puxo de manifesto nunha charla celebrada onte no pub Con do Moucho, da Illa, que é a antesala da posta en escena da obra "Goldi libre", producida polo grupo Chévere, e que se poderá ver na Illa o día 9.

Na mesa redonda de onte participaron o propio actor, Goldi, que estivo na cadea despois de declararse insubmiso, así como os arousanos Elías Rozas, de Vilagarcía, e Ramiro Paz, de Catoira, que tamén se negaron a entrar no Exército. Tamén estaban presentes o escritor Manuel Seixas, o actor Carlos Blanco -que chegara a autoinculparse no proceso xudicial contra Goldi- ou a activista antimilitarista Beatriz Otero.

Todos eles coincidiron en que para chegar á data histórica do 9 de marzo de 2011 -cando se suprimiu a "mili" obrigatoria- foi preciso un camiño longo e de moito sacrificio para un bo número de mozos que se negaron a ingresar no Exército polas súas ideas e conciencias, e que o pagaron con procesos xudiciais e ata o cárcere.

Pero esa loita é hoxe en día descoñecida para os mozos. Segundo o presidente da asociación cultural Dorna, Salvador Allo, esto débese en grande medida ao silencio que se instaurou co decorrer dos anos sobre aquela loita social, e que se traduce na falta de traballos históricos ou de investigación sobre a mesma. "A eliminación da mili obrigatoria foi unha conquista social da que a penas se falou", sostén o directivo da asociación cultural, que promoveu a xuntanza celebrada onte no Con do Moucho. "Non hai nada escrito nin documentado sobre esa loita", engadiu.

A función do 9 será, polo tanto, unha boa oportunidade para coñecer un fenómeno clave na historia social contemporánea de España.