Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A Illa prantexa a Portos a creación dunha Mariña Tradicional no peirao do Xufre

O proxecto, que conta co respaldo de cinco asociacións, serviría para o amarre da flota máis importante de Galicia cun alto valor patrimonial e etnográfico

A proposta pasa por ubicar as embarcacións tradicionais no Xufre cando se traslade a 3ª lista. // I. Abella

Cinco asociacións da Illa (Dorna, Fasquía, Calmoseira, Komaira e Caramuxo) uniron as súas forzas para solicitar a Portos de Galicia a creación dunha Mariña Tradicional no peirao do Xufre. Trataríase dun espazo destinado exclusivamente para embarcacións tradicionais, que os colectivos sitúan no lugar onde hoxe aínda se atopan as lanchas da terceira lista, con dous brazos para amarres e un pequeno dique de abrigo, onde poderían gardarse o máis de medio cento de dornas e outras tipoloxías que posúen estes colectivos.

As cinco entidades tamén contan co respaldo de Culturmar, a antiga Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, máxima impulsora deste tipo de mariñas tradicionais co gallo de convertilas, no só no lugar de amarre das embarcacións, senón tamén nun espazo de atracción turística, onde os visitantes poidan coñecer a importante riqueza que posúe Galicia en canto etnografía e patrimonio mariñeiro, en especial nas rías.

A Illa non podía faltar dentro dos peiraos que conte con esta Mariña Tradicional, xa que é neste Concello onde se asenta a Escola de Navegación Tradicional onde, cada ano, se forman novos patróns que espallan a semente da preservacións das antigas dornas e da forma de navegar a vela.

A idea, que se presentou a pasada semana ante Portos de Galicia, conta tamén co apoio do Concello, a confraría de pescadores e as catro agrupacións mexilloeiras, que entenden a necesidade de contar cunhas instalacións adecuadas no peirao do Xufre para a flota máis importante de Galicia no que a barcos tradicionais se refire. A Illa é a gran potencia, tanto da ría de Arousa como da comunidade autónoma, na preservación da cultura mariñeira tradicional. Os catro colectivos contan con 50 dornas polbeiras, tres de tope, unha lancha xeiteira en préstamo pola propia Xunta de Galicia para a súa preservación, unha buceta, un racú, un bote polbeiro de Bueu e catro galeóns, un deles en plena fase de recuperación. Ademais, teñen tras de si un total de 702 socios, a maior parte, como as embarcacións, pertencentes á asociación cultural e deportiva Dorna.

Na memoria presentada a Portos de Galicia, os colectivos lembran que a cultura mariñeira na Illa ten un enraizamento moi importante, que se mantén a través da existencia da Escola de Navegación Tradicional, desde a que "se incorporan cada ano persoas, non só de Galicia, senón tamén de lugares tan afastados como Madrid, Huelva, Ponferrada ou Matosinhos, as cales, participan tanto da navegación no verán como do coidado e conservación dos barcos na invernía".

A iso hai que engadir que nesta Escola "ocorre algo especial que non acontece noutros lugares, o feito de que os mestres son mariñeiros que aprenderon dos seus pais e avós as artes do aparellado e a navegación, e agora, transmítenllo a xentes de cidade ou do interior, converténdose en mariñeiros que ensinan a mestres, informáticos ou arquitectos entre outros, xente que se achega por amor ao mar".

Isto tamén permite manter vivas verbas de uso cotián na navegación, como poden ser mallante, couso, xemelga ou escourela, ao que se suma a conservación de expresións e cantigas mariñeiras.

Para os colectivos, unha Mariña Tradicional como a que se propón, debe estar "nun lugar representativo e senlleiro dado o seu carácter simbólico e O Xufre é a principal fachada da vila ao mar". Iso permitiría que este peirao, ademais da súa actividade convencional, se convertise nun punto de exposición para a ubicación de paneis explicativos de cada unha das tipoloxías que existen.

Compartir el artículo

stats