Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

As xentes do mar volven lembrar a Rosalía

As dornas da Escola de Navegación Tradicional remontan o Ulla para participar nunha emotiva homenaxe á escritora

Unha ducia de dornas participaron no remonte do Ulla. // Noé Parga

As xentes do mar de Arousa volveron a lembrar a unha das figuras máis senlleiras do rexurdimento das letras galegas, a poetisa Rosalía de Castro. Baixo o lema "Que hinchadiña branca vela", que figura nun dos poemas de "Cantares Gallegos" unha ducia de dornas da Escola de Navegación Tradicional da Illa volveron a remontar o Ulla e o Sar para participar nunha emotiva homenaxe á escritora ante a escultura que se atopa no paseo padrones do Espolón.

Inda non eran as catro da tarde cando as dornas izaron as velas nas beiras da praia de Vilarello, en Valga, para comezar unha lenta navegación Ulla arriba camiño do seu destino. Por diante, dúas horas de navegación lenta aproveitando o pouco vento que se rexistraba e a marea, que permitiu ás dornas ir achegándose, de vagar, ata o pantalán da vila coruñesa.

Alí agardávaos unha importante multitude que os recibiu ao ritmo das gaitas que interpretaban a música do Himno do Antigo Reino de Galicia.

De feito, desde que comezaron a celebrar esta homenaxe, incrementouse de forma importante o número de espectadores que ven como, con paso lento pero firme, se van a chegando a padrón as dornas que conforman a flota da Illa.

Cos remos en alto, desembarcaron todos os participantes na homenaxe por mar para presentarlle os seus respectos á imaxe da poetisa. Tras entonar o Himno de Galicia e realizar a tradicional ofrenda floral, chegou o momento dun pequeno convite para afrontar coas forzas necesarias o regreso cara o punto de partida, aproveitando a forza que levaba o río ante a práctica ausencia de vento para as velas.

Así se puxo fin a unha iniciativa que mistura como moi poucas a literatura, a música e o amor pola cultura marítima e fluvial tradicional, a través do seu patrimonio.

Un dos seus principais artífices, Salvador Allo, responsable da asociación cultural Dorna da Illa, á que pertence a Escola, explicaba onte que "levamos facendo este homenaxe varios anos como forma de lembrar a unha poetisa que sempre tivo na súa mente ás xentes do mar".

Esa homenaxe podería facerse con moitas máis dornas, xa que son moitos os membros da Escola dispostos a participar, pero hai que loitar cun factor alleo aos organizadores, as limitacións que ten o río á altura do paseo do Espolón. "Resultaría prácticamente imposible meter máis dornas, polo que situamos o tope na ducia", explica Allo.

A Fundación Rosalía de Castro e a Escola de Navegación Tradicional da Illa levan anos pondo en marcha esta emotiva homenaxe que serve para manter vivos os vencellos que unen ás xentes do mar coa figura da escritora.

A intención é repetilo todos os veráns para lembrar as velas que Rosalía vía remontar o río desde a súa casa da Matanza, unha velas que "non podían ser doutra cousa máis que de dornas", explica Allo.

Compartir el artículo

stats