Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Unha merecida homenaxe do pobo do Grove a Xacobe Barral Otero

O de hoxe é para todos os conveciños desta vila un día de ledicia e de festa

Francisco López Franco e outros galeguistas como Avelino Pousa Antelo, Manuel Beiras, Xacobe Barral Otero, Fernando Quintela e Ramón Martínez López na fundación do Partido Galeguista no Grove, en 1984.

Son dos que pensan que as homenaxes e recoñecementos ás persoas que sexan merecentes débenselle facer en vida, como foi o caso de Jacobo Otero Goday, "O médico dos pobres", que fora tamén alcalde do Grove no período de 1913-1921. Fora un home bó e xeneroso que cando o chamaban para unha urxencia, fose a hora que fose, con choiva, vento ou sol, collía o seu cabalo e acudía perto do enfermo. Pois ben, no ano 1962 as Sociedades do Grove na emigración sufragaron os custes dun monumento consistente nun busto, que foi colocado frente da casa familiar en Lordelo. Homenaxe ao que puido asistir, como xa dixen, o propio homenaxeado, velo, vivilo e participar xunto a súa familia e os seus amigos.

Hoxe é para todos os conveciños do Grove un día de ledicia e de festa, porque aínda que tarde, "faise xustiza" a unha persoa honesta e honrada, cunha ética irreprochable, como é Xacobe Barral Otero, ao que lle tocou vivir -igual que a moitos outros- unha guerra fraticida entre irmáns, un golpe de Estado ao goberno lexítimo da República, que dou pé "á longa noite de pedra" na que estivemos sumidos corenta anos.

Estou completamente seguro que, de facerse a homenaxe en vida de Xacobe Barral Otero, ademáis da súa familia, estarían presentes, entre outros, Valentín Paz Andrade, pois temos que ter en conta que cando o Partido Galeguista celebra a súa asemblea fundacional na cidade de Pontevedra, o 6 de Nadal de 1931, Xacobe Barral participa activamente xunto con Francisco García e outros galeguistas do Grove, representando ó "Grupo Autonomista Galego" que presidía e dirixía a nivel galego o egrexio avogado galeguista. Valentín Paz Andrade sería, anos despois, presidente e alma mater de Pescanova.

Outras figuras galeguistas que, sen dúbida, estarían presentes nesta homenaxe, e coas que "A casa de Lordelo" mantiña unha estreita amizade, eran os irmáns Illa Couto de Vigo. E tampouco podería faltar o seu gran amigo de penurias, o empresario de Vilagarcía Dámaso Carrasco Duaso, co que compartiría cárcere na Illa de San Simón.

Tampouco faltarían os irmáns galeguistas d Grove, Xico Caneda Pérez e Miguel Besada, entre outros.

Os que si estamos presentes hoxe, ao pé da rúa que leva xa o nome do alcalde Xacobe Barral Otero, derradeiro alcalde da II República polo Partido Galeguista, somos os veciños do Grove, "facendo un acto de xustiza", lembrando a todos aqueles que deron as súas vidas por unha Galicia e por un mundo mellor para que non só nós, senón os nosos fillos e ás xeracións vindeiras, poidamos vivir cada quén na súa época e no seu tempo, pero con liberdade.

Unha boa anécdota

Para aportar un pouco de ledicia a esta data, voulles contar unha anécdota das moitas que teño vivido á beira de Xacobe Barral. No ano 1983 o historiador e escritor Carlos Fernández publicaba en Edicións O Castro -editorial doutro dos meus mestres e amigos, Isaac Díaz Pardo- " El Alzamiento de 1936 en Galicia". No libro fai un repaso do que foi o alzamento nas distintas cidades e vilas de Galicia, e cando relata os feitos acontecidos no Grove di: "Os gardas civís tiñan saído para Pontevedra o día 19. Ao día seguinte, Manuel Puente, delegado do gobernador, e Miguel Martís, presentáronse na casa-cuartel, acompañados do alcalde Xacobe Barral, e leváronse os oito revólveres que había no despacho do sarxento, repartíndoos posteriormente entre os elementos de esquerda. Organizóuse unha columna para ir a Pontevedra pero en Combarro, ao saberse que se tiña declarado o estado de guerra na capital, volveu ao Grove, que quedou no seu poder ata o día 25 no que chegou a mencionada columna do comandante Revilla e o capitán Barral". E continúa: "Na represión posterior será fusilado o alcalde Xacobe Barral".

Ao ler o que lles acabo de redactar funme escopetado á "casa de Lordelo". Abreume a porta Merceditas, e de seguido veu Xacobe Barral e díxenlle: "¿Don Xacobe, como pode ser que depois da amizade que nos profesamos me teña que enterar por outros que vostede está morto, e por encima fusilado?¡Isto non se lle fai a un irmán galeguista!". As gargalladas foron tantas que se puideron escoitar na vila de Rianxo, lugar de nacemento do tamén irmán seu Castelao (sopraba o vento do sur).

¡Saúde e Terra!

(*) O grovense Francisco López, "Chesqui", é secretario xeral do Partido Galeguista.

Compartir el artículo

stats