Foi precisamente a lectura neste mesmo xornal, FARO DE VIGO, o domingo día 10, dun magnífico artigo biográfico escrito polo editor e fillo do Grove, Antón Mascato, o que determinou que hoxe estean lendo vostedes esta pequena aportación á figura inmensa e chea de nobleza, dunha das persoas que ten influido de maneira determinante na miña formación política e humana, Xacobe Barral.

Dende moi noviño lembro que na casa dos meus pais Paquito e Maruja, na Praza do Corgo, no Concello do Grove, falábase da familia de Don Jacobo "os de Lordelo", como se nós formasemos parte dela, ou eles da nosa. Certamente co transcurrir dos anos e ao ir medrando, puiden comprobar os fondos lazos de amizade que nos xunguían, amizade que, a pesar da diferencia de idade, mantivemos a miña muller Encarna e eu, con Xacobe Barral e a "súa compañeira da ialma" -tal e como lle gustaba decir da súa muller Carmiña-, e que perdurou ata o seu pasamento.

Foros anos fermosos de intensa actividade política e de fortes emocións. Galicia estaba comezando a saír da "longa noite de pedra", as institucións do goberno autonómico comezaban a ver a luz, todo era vida, os rapazes sentiamos que o futuro era noso, que estaba nas nosas mans. O día 16 de setembro de 1984, presentamos oficialmente o Comité Local do Partido Galeguista do Grove, no que Xacobe será o seu presidente de honra; foi un día de festa e ledicia. A asemblea tivo lugar na casa matriz "dos de Lordelo", na casa da súa familia, e ali estaban os irmáns de sempre: Ramón Martínez López (presidente de honra do Partido Galeguista, PG), Avelino Pousa Antelo (expresidente do PG), Manolo Beiras García (o pai de Xosé Manuel Beiras), Fernando Quintela Novoa (presidente do PG en Vilagarcía), Dámaso Carrasco Duaso(membro da agrupación de Vilagarcía, e compañeiro de Xacobe no penal da illa de San Simón), Ángel Vázquez Hereder (mestre no Grove e amigo da familia), Xico Caneda Pérez (comerciante membro do PG, no Grove) e Miguel Besada (membro do Consello Nacional e fundador da Irmandade Galega en Caracas-Venezuela), entre outros.

E nós, os mozos e mozas dispostos a continuar co traballo que tiñan iniciado aqueles devanceiros nos anos 30. Alí estaba ao fin, rexurdindo das cinzas, o mesmo partido político que el mesmo axudara a crear un 6 de Nadal de 1931, e do que formaría parte toda a súa vida?O partido que defendía as ideas polas que estivera a piques de perder a vida, ao igual que outros moitos irmáns galeguistas.

Da súa man e das súas verbas, coñecín as penurias polas que tivo que pasar ao longo dos anos, non só el, senón tamén a súa familia; sobre todo a persoa que sería o seu "facho", o exemplo a seguir: refírome ao seu tío Jacobo Otero Goday, "o médico dos pobres", e que fora tamén alcalde do Grove por elección popular, no periodo comprendido entre 1913-1921, e polo que Xacobe Barral amosaría sempre unha verdadeira devoción. Para axudar a que os lectores poidan coñecer e xulgar por si mesmos a grandeza humana de Xacobe Barral, chega con ler un artigo que escribe en Nadal do ano 1984, na revista que editaba o PG do Grove "Galicia Hoxe", e que paso a transcribir, titulado "Raiolar do Partido Galeguista no Grove:

"Escomenzan as nosas inquedanzas e ilusións. Estamos no 1931. Coincide o limiar dos traballas societarios coas próximas eleccións a Cortes Constituintes. Houbo por conseguinte actos públicos. As xentes puideron escoitar un xeito novo de facerlles entender o que era unha loita electoral, e por qué se falaba en galego. Comprendiamos o deber e a responsabilidade de sementar nas conciencias as formas que traía a doutrina galeguista como raíz e forza de Galicia. Non lixabamos a ninguén, nin falabamos mal de ninguén. Presentabamos as cousas, as ideas e temas sen aldraxar a ninguén. Endexamais queriamos que os rapaces do Grove tivesen a tristura que representaba unha estampa de Castelao na que dialogan un neno e unha nena, dicindo: 'Teu pai e máis o meu están a mal desde que foi iso das eleccións?. ¿Por que haberá eleccións?'

A política ten que facerse para ben dos pobos, por ser misión nobre da cidadanía; dirixila no derroteiro atinado para engrandecelos; para enchelos de riqueza e cultura. Pero nunca que sirva de liortas entre uns e outros. Para unirnos a todos no salvamento de Galicia. Ese foi sempre o noso lema e o noso estilo. Agora neste remexer da memoria non esquecemos aos irmáns Emilio Alvarez Gallego, Francisco Otero García, Francisco García Moldes, Juan Domínguez Prol e Pura Rodríguez Devesa, entre outros, que conxuntamente labouramos para xuntar a querencia Partido-O Grove. Hoxe para eles a miña louvanza e quente oración porque xa rendiren a súa vida?., e para Pura, que vive e reside en Bos Aires, tamén o meu agarimo".

Que gran lección do mestre. Penso que sobran as palabras. Que artigo máis profundo e cheo de sentimento. Que exemplo para os políticos actuais? Esta xeración de homes non volverá repetirse nunca xamais. Vou confesar algo que sempre me impactou e me sigue impactando hoxe: cada vez que Xacobe Barral me falaba do seu gran amigo Francisco García Moldes, que fora asasinado no 1948, nun café que estaba á beira do antigo Cine Besada, a súa faciana enchíase de bágoas. A pena embargouno ata o final dos seus días. Xacobe Barral Otero, derradeiro alcalde do Concello do Grove na II República, finou na cidade de Vigo o día 15 de Nadal de 1990.Os seus restos mortais viñeron descansar ó campo santo da vila que o veu nacer no ano 1906.

O seu sartego, cuberto coa bandeira galega do Partido Galeguista de México, a mesma bandeira que acompañou a moitos galeguistas na súa última viaxe, como Ramón Martínez López, Manolo Beiras, Miguel Besada e Antón Moreda, entre outros. Foi levado ás costas polos seus irmáns galeguistas dende a Igrexa Parroquial de San Martiño do Grove ao panteón familiar. Xacobe Barral forma parte xa, ao igual que tantos outros, da "santa compaña dos inmortais", e estará para sempre nos nosos corazóns como exemplo a seguir. ¡Que así sexa, benquerido mestre e irmán Xacobe! Por sempre e para sempre, ¡Saúde e Terra!

(*) Francisco López, "Chesqui", é secretario xeral do Partido Galeguista.